Lugo, exemplo en Cuba da rexeneración e mellora da accesibilidade dos Centros Históricos

Unha delegación técnica de La Habana visitou hoxe a cidade para coñecer as solucións aplicadas no recinto amurallado da capital, como referente de conciliación da protección do patrimonio coas necesidades da cidadanía.

A rexedora ofreceulles previamente unha recepción institucional no Concello na que lles explicou o traballo feito durante os últimos dous mandatos e as actuacións en marcha.

Luns, 10 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, exemplo en Cuba da rexeneración e mellora da accesibilidade dos Centros Históricos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu esta mañá a visita dunha delegación técnica da Oficina do Historiador da Cidade de La Habana (OHCH) interesada en coñecer as solucións de rehabilitación aplicadas durante os últimos anos no recinto amurallado da capital, ao considerar ao Centro Histórico lucense como un referente tanto na rexeneración deste espazo como na posta en marcha de diferentes medidas de accesibilidade na procura dun municipio máis integrador e inclusivo.

“Como rexedora, resulta para min un orgullo comprobar que o noso municipio destaca, incluso tamén do outro lado do Atlántico, como exemplo nestes dous ámbitos para conciliar a protección e coidado do noso patrimonio coas necesidades da veciñanza, constatando así o esforzo e a posta en valor decidida que estamos a realizar dende o Concello, dende hai xa dous mandatos, para revitalizar social, económica e urbanisticamente toda a contorna e convertela nun lugar confortable, dinámico e atractivo para todas as persoas”, sinalou Méndez.

A recepción institucional, que se enmarcou nunha viaxe programada a través do Eixo Atlántico, precedeu ao percorrido que as e os técnicos cubanos realizaron posteriormente pola cidade, acompañados por persoal municipal e polo secretario da entidade transfronteiriza, Xoán Vázquez Mao. A expedición estivo composta pola directora do grupo de investimentos da OHCH, Bertha Verdecia Pazos; así como pola xefa do Departamento de Deseño e o xefe do Departamento de Arquitectura, Enxeñería e Urbanismo da Empresa Filiar Restaura do devandito organismo, Saidi Milena Boza Alpízar e Raúl Gortázar Fernández e polo especialista financeiro da Dirección de Cooperación Internacional, Carlos Daniel Ramírez Díaz.

Noticias relacionadas