Lugo contará en oito semanas cun novo dique no Miño grazas á colaboración entre a Confederación Hidrográfica e o Concello

Lara Méndez e o presidente da CHMS supervisaron hoxe o inicio dos traballos de reparación

Xoves, 19 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo contará en oito semanas cun novo dique no Miño grazas á colaboración entre a Confederación Hidrográfica e o Concello

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o presidente da Confederación Hidrogáfica, José Antonio Quiroga, supervisaron esta mañá o inicio dos traballos de reparación do coñecido como caneiro do Muíño onde a CHMS ten previsto executar unha actuación de urxencia para evitar que a construción se siga deteriorando e poida prexudicar aos residentes no barrio da Ponte.

A intervención, que ten por obxecto erguer un dique de 36 metros de lonxitude e catro de alto, suporá un investimento inicial de 80.000 euros.

“En primeiro lugar quería agradecer a implicación e a premura do presidente da Confederación para darlle solución a esta problemática derivada dos sete anos de inacción nos que o Partido Popular estivo á fronte do goberno central. Por iso, dende o Concello de Lugo, agradecémoslle ao presidente da institución que cumprira co seu compromiso e tomara cartas no asunto, no prazo dunha semana, aportando unha solución mentres non se resolve o procedemento xudicial en vigor”, sinalou Lara Méndez quen subliñou, ademais, que esta será a primeira das intervencións no río xa que a previsión é ir arranxando o resto de caneiros de forma progresiva.

Con motivo do inicio dos traballos, que se acometerán en menos de oito semanas, o Concello procederá a cortar o último tramo do Paseo Álvaro Cunqueiro, afectando a unha das entradas do CEIP A Ponte.

A rexedora apuntaba que segundo o informe elaborado ao respecto polo departamento municipal de enxeñería, “co obxecto de ocasionar o menor transtorno posible e para garantir a seguridade na contorna, será necesario, mentres se leva a cabo a actuación, cortar o tramo final da rúa para o que se pechará a zona ocupada, desviando aos transeúntes pola marxe esquerda da vía, aproveitando os pasos de peóns existentes”. Restriccións que serán debidamente sinalizadas e nas que se terá en conta, especialmente, o tránsito de persoas con mobilidade reducida que disporán dun espazo libre de obstáculos, cun pavimento axeitado para o paso de cadeiras de rodas que facilite a súa circulación.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a reparación do "Caneiro do Muíño" | Descargar mp3

Noticias relacionadas