Lugo avanza no cambio de mobilidade no Centro Histórico co remate do proxecto Corazón Verde e a tramitación de 2.014 expedientes de acceso

A recollida de matrículas seguerá aberta tres meses máis para facilitar os trámites á veciñanza, empresas e servizos que precisen acceder ao centro histórico.

Unha vez rematen as subsanacións detectadas polos técnicos municipais nas obras recentemente rematadas, implementarase un novo plan de tráfico moi semellante ao definitivo que entrará en vigor unha vez aprobada a ordenanza.

O Goberno local prevé un período de seis meses sen sancións para favorecer unha transición progresiva e adaptada á nova regulación.

Luns, 16 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo avanza no cambio de mobilidade no Centro Histórico co remate do proxecto Corazón Verde e a tramitación de 2.014 expedientes de acceso

O Concello de Lugo continúa a avanzar na implantación da Zona de Baixas Emisións (ZBE), que abranguerá exclusivamente o recinto intramurallas da cidade. Unha das accións máis destacadas é a tramitación anticipada das autorizacións de acceso, coa finalidade de adiantar traballo e facilitar a adaptación da cidadanía cando entre en vigor a nova ordenanza.

Desde finais de 2024 permanece aberto un proceso para a recollida de matrículas tanto de residentes como de persoas usuarias e empresas que operan no Centro Histórico. A día de hoxe, o Concello dispón xa de 2.014 expedientes en tramitación —moitos deles con máis dun vehículo asociado—, un volume que permite prever unha implantación máis áxil unha vez se active o sistema de control por cámaras.

Este procedemento continuará aberto os próximos tres meses, polo que desde o Goberno local anímase á veciñanza e a todos os colectivos implicados a continuar presentando solicitudes. O obxectivo é que o maior número posible de autorizacións estea resolto con antelación á entrada en vigor da ordenanza, evitando así demoras ou complicacións innecesarias.

O seguinte paso no proceso pasa pola implementación dun novo plan de tráfico, moi semellante ao definitivo, cando rematen as subsanación detectadas polos técnicos municipais nas obras de peonalización recentemente finalizadas. Os itinerarios definitivos entraran en funcionamento unha vez aprobada a ordenanaza que regulará a ZBE. Desde ese momento, abrirase un prazo de seis meses onde se notifircarán as infracción pero non se sancionará, pensado para facilitar a transición e permitir que as persoas condutoras se adapten ao novo modelo de mobilidade.

O Concello leva meses traballando con previsión e cun forte compoñente de participación cidadá. Ademais da consulta pública aberta no último trimestre de 2024, promovéronse encontros e sesións con colectivos veciñais, asociacións de comerciantes e hostaleiros, empresas distribuidoras e profesionais do transporte. As súas achegas están a ser incorporadas ao borrador da ordenanza, co obxectivo de acadar un modelo consensuado e adaptado á realidade da cidade. De feito nos próximos días o alcalde iniciará unha nova rolda de reunións co tecido asociativo involucrado para pechar os últimos pormenores de cara a aprobación da ordenanza.

Co proxecto Lugo Corazón Verde o Concello de Lugo está a transformar o centro histórico nun espazo máis saudable, accesible e sustentable. Esta actuación integral inclúe a renovación urbana de múltiples rúas e prazas, a mellora da mobilidade peonil e a posta en valor do patrimonio, configurando unha cidade pensada para as persoas e adaptada aos retos ambientais do presente.

A implantación da ZBE responde á obriga legal establecida pola Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, que require a todas as cidades de máis de 50.000 habitantes establecer zonas que restrinxan o acceso dos vehículos máis contaminantes. Trátase dunha medida dirixida a mellorar a calidade do aire, reducir as emisións e avanzar cara a unha cidade máis amable, ordenada e sostible.

Multimedia

  • Lugo avanza no cambio de mobilidade no Centro Histórico co remate do proxecto Corazón Verde e a tramitación de 2.014 expedientes de acceso

Noticias relacionadas