Durante o encontro a rexedora puxo en valor o seu xesto altruísta “un exemplo para toda a cidadanía que nos amosa que a unión é o camiño a seguir para superar a crise que nos afecta”.
A alcaldesa comprometeu a súa participación na campaña #HoxeComemosEnLugo e aproveitou tamén para relatarlle a Alberto algunha das iniciativas municipais de apoio ao emprendemento.

A alcaldesa, Lara Méndez, mantivo un encontro telemático co lucense Alberto Lage para trasladarlle o seu agradecemento polo labor que está a realizar, dende Londres - onde cursa os seus estudos de Márketing – a prol da promoción e difusión da hostalaría lucense.
A rexedora, logo de coñecer a colaboración que Alberto presta de forma completamente altruísta ao empresariado local para incrementar a viabilidade dos seus negocios, quixo poñerse en contacto con el para interesarse pola súa situación pero, tamén, para recoñecer publicamente o seu xesto.
“Neste momento, de tantas dificultades para moitas persoas, de tanta incertidume e con tantos retos que afrontar cómpre poñer en valor actos coma o teu, que de forma desinteresada e apelando aos vínculos da terra, á nosa orixe e a eses valores de irmandade que nos definen como lucenses, estando a máis de 1.000 km de distancia fuches quen de superar toda fronteira para apoiar aos teus compatriotas na medida das túas posibilidades”.
“Un comportamento loable que nos debe servir a todas e todos de referente e que nos amosa o camiño a seguir se queremos saír reforzados desta crise. Porque non hai outra vía que a da unión cando a empresa que nos une é a de repoñernos a unha situación de pandemia global e a todas as consecuencias que nos deixa”.
“Dende o Concello e eu, persoalmente como alcaldesa e como lucense, igual ca ti, queremos mandarche o noso afecto e gratitude e manifestar publicamente que es un gran exemplo para toda a cidadanía e agardamos que, tamén, unha fonte de inspiración, porque o teu proceder non é cuestión de idade, nin de recursos senón de vontade, de compromisoe de solidariedade”.
Durante o encontro, Lara Méndez comprometeu a súa participación na campaña #HoxeComemosEnLugo deseñada por Alberto Lage e aproveitou, asemade, para explicarlle algunha das iniciativas municipais de apoio ao emprendemento como os programas de Coworking desenvolvidos no CEI ao tempo que coincidiu con el na necesidade de enxalzar o patrimonio local, tanto cultural, como arquitectónico, histórico, artístico e mesmo gastronómico. “Potencialidades que forman parte da nosa identidade como lucenses e das que, ademais de defender, podemos sentirnos moi orgullosos e orgullosas”, concluíu a alcaldesa.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o lugués Alberto Lage, sobre o encontro telemático | Descargar mp3
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o lugués Alberto Lage, sobre o encontro telemático | Descargar mp3
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o vídeo #HoxeComemosEnLugo | Descargar mp3