A alcaldesa agradeceu a súa actitude propositiva, e lembrou que o concello está nun permanente estado de escoita das necesidades que se lle trasladan.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, mantiveron unha reunión coa veciñanza de Locai, da parroquia de Santa María Alta, para abordar as melloras que se foron executando na zona.
Entre as actuacións que se desenvolveron destacan, entre outras, o asfaltado e a mellora dos accesos e camiños, a ampliación dos puntos de alumeado público e a humanización dos espazos de esparexemento e lecer para favorecer as relacións entre a veciñanza ao dispor de lugares agradables de reunión.
A rexedora lembrou que estas iniciativas se impulsaron a petición dos veciños do lugar, “xa que desde o Concello estamos nun permanente estado de escoita das necesidades da cidadanía e intentamos sempre dar resposta ás súas solicitudes, se estas son viables desde un punto de vista técnico e económico para o Concello”. Neste senso, agradeceu a actitude dialogante e propositiva da veciñanza e o labor que vén realizando o concelleiro Miguel Fernández nas parroquias lucenses.