Lara Méndez enxalza a riqueza patrimonial e inmaterial de Lugo ante o embaixador de Reino Unido

A alcaldesa recibiu no Concello a Hugh Elliott, aproveitando que o diplomático británico se atopa estes días en Galicia de visita oficial.

Martes, 28 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez enxalza a riqueza patrimonial e inmaterial de Lugo ante o embaixador de Reino Unido

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de recibir no Concello ao embaixador de Reino Unido, Hugh Elliott.

O diplomático británico recalou na cidade amurallada durante a visita oficial que estes días realiza a Galicia.

A rexedora aproveitou o encontro, que tivo lugar no despacho de Alcaldía, para darlle conta de todo o patrimonio histórico, cultural e artístico que posúe a cidade así como para convidalo a gozar da xa afamada gastronomía local e o bo facer do pequeno comercio durante a súa estancia na capital.

Ademais, Lara Méndez conversou con Hugh Elliott sobre a importancia que, durante a pandemia, alcanzaron as redes de colaboración institucional, “tanto a nivel nacional como internacional, no que ten que ver cos avances médicos e técnicos que propiciou o apoio unánime á investigación, sen entender a fronteiras como tampouco estas deben afectar á igualdade en materia de dereitos e oportunidades”.

Na reunión a rexedora explicou ao embaixador británico o modelo de transformación que está a experimentar o municipio da man da estratexia de dinamización económica posta en marcha polo Executivo local, “e que pasa pola súa resiliencia fronte ao cambio climático pero tamén por poñer en valor os recursos propios como principal fonte de riqueza e de atractivo empresarial”.

Antes de rematar, Lara Méndez entregoulle a Hugh Elliott, o libro da Muralla de Lugo e o pin de prata do Concello “como regalos institucionais de todas e todos os lucenses” e agradeceulle o seu interese “por coñecer Lugo e todo o que este ten para ofrecerlle ao resto do país e do mundo”.

Noticias relacionadas