Concello e ACADAR buscan mellorar a calidade de vida das mulleres con algún tipo de diversidade

Lara Méndez e Ana Abelleira mantiveron un encontro coas 22 participantes nos obradoiros do programa Emprego e saúde a través do empoderamento, organizado por ambas as dúas entidades, no centro Uxío Novoneyra

Martes, 19 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e ACADAR buscan mellorar a calidade de vida das mulleres con algún tipo de diversidade

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, visitaron este martes ás 22 mulleres que participaron ata hoxe, nas instalacións municipais do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, no programa Emprego e saúde a través do empoderamento, organizado polo Concello e a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR).

O Goberno apoia esta iniciativa que ten como obxecto a procura da mellora da calidade de vida das mulleres con diversidade funcional a través da redefinición do autocoñecemento. Fomentouse a adquisición de hábitos de vida saudables e o reforzamento das habilidades persoais para a busca de emprego, repercutindo positivamente na reeducación das características propias, garantindo a igualdade de oportunidades, e promocionando a participación social e activa das mulleres con discapacidade e, deste xeito, camiñar cara a igualdade real.

Durante os meses de maio e xuño, desenvolvéronse catro obradoiros en dúas quendas. O primeiros deles estivo relacionado coa promoción de hábitos de vida saudables. Á seguinte semana levouse a cabo unha sesión sobre técnicas de procura de emprego, que tiña como finalidade capacitar ás mulleres para a busca activa dun traballo. A terceira temática tratou o fomento do autoconcepto a través da imaxe persoal e o reforzo dunha autovaloración positiva. O último obradoiro foi dedicado ao coidado do chan pélvico.

As 22 mulleres participantes nestas accións grupais, impartidas por persoas profesionais dos diferentes ámbitos, valoraron de xeito moi positivo a asistencia a estas formacións, amosando a súa de satisfacción tanto coas temáticas, coma coas persoas que forman parte do proxecto.

Noticias relacionadas