A área de Cohesión Territorial mellora os accesos aos núcleos de Fazai – Farxocos e Outeiro

Miguel Fernández supervisou a evolución dos traballos, financiados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

As obras, coas que se pretende incrementar a seguridade das vías, teñen un prazo de execución de tres meses.

Venres, 21 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Cohesión Territorial mellora os accesos aos núcleos de Fazai – Farxocos e Outeiro

O executivo de Lara Méndez, a través da área de Cohesión Territorial que dirixe Miguel Fernández, realiza estes días a mellora dos accesos en Fazai (parroquia de Carballido) – Farxocos (parroquia de Santa María de Bóveda) e en Outeiro (parroquia de Santiago de Saa), con cargo ao Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais por importe de 63.142 euros.

A intervención, cofinanciada co FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural), e que foi adxudicada á empresa Cholo SL, terá un prazo de execución de tres meses.

Miguel Fernández, que supervisou a evolución que seguen os traballos, afirmou que “a actuación beneficiará non só aos residentes nestes núcleos, senón que tamén reverterá notablemente na seguridade do conxunto do tráfico nos desprazamentos pola contorna”.

O edil responsable explicou que as obras previstas terán por obxecto proceder á limpeza e formación de cunetas námbalas dúas vías “para facilitar a circulación de augas de escorrentía, así como cubrilas cunha capa de rodadura de mestura asfáltica en quente, previa regularización da superficie nas zonas máis deformadas ou con baches, tendo en conta que as dúas estradas presentan un firme moi deteriorado que aconsellaba a súa renovación”, indicou. No caso de Outeiro, instalarase ademais sinalización horizontal.

“Trátase dun compromiso adquirido hai tempo coa veciñanza destas zonas que agora se concreta co dobre obxectivo de atender ás demandas da cidadanía pero tamén de acadar que, pouco a pouco, rural e cidade se equiparen en canto a infraestruturas públicas”, concluíu o concelleiro.

Audio

  • O edil de Cohesión Territorial, Miguel Fernández, sobre a mellora en Fazai – Farxocos e Outeiro | Descargar mp3

Multimedia

  • A área de Cohesión Territorial mellora os accesos aos núcleos de Fazai – Farxocos e Outeiro
  • A área de Cohesión Territorial mellora os accesos aos núcleos de Fazai – Farxocos e Outeiro

Noticias relacionadas