A Alcaldesa preséntalle á veciñanza de San Roque as novas melloras de accesibilidade que executará o Goberno na contorna

Lara Méndez, quen subliñou "non entender outro xeito de xestionar e de facer cidade que non sexa coa nosa xente e a través dos barrios", anunciou a inversión de 35.000€ para adecentar as proximidades do centro de saúde, que empregan a diario 300 persoas

O Goberno tamén actuará na rúa do Outono, saldando, ao igual que coa actuación anterior, outra demanda veciñal. Cambiaranse as baldosas, disporanse varandas e colocarase unha rampa na parte da escaleira

Na zona próxima a San Roque, o Concello destinará 290.000 euros para habilitar dous aparcadoiros públicos con unhas 74 prazas gratuítas dispoñibles

Martes, 26 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa preséntalle á veciñanza de San Roque as novas melloras de accesibilidade que executará o Goberno na contorna

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do Voceiro Municipal, Miguel Fernández, e o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, presentoulle este martes á veciñanza de San Roque as novas melloras de accesibilidade que executará o Goberno na contorna.

En concreto, Méndez, quen subliñou "non entender outro xeito de xestionar e de facer cidade que non sexa coa nosa xente e a través dos barrios", anunciou unha inversión de 35.000 euros para mellor as proximidades do centro de saúde, que empregan a diario 300 persoas. Substituiranse as baldosas actuais por unhas de maior adherencia, colocaranse varandas galvanizadas en cor azul en oito tramos na rúa Ramón Montenegro, Carril do Xuízo e rúa Pena Anda e pintaranse dous novos pasos de péons, no cruce entre as dúas últimas rúas. A maiores, tamén se repasará a sinalización horizontal da zona.

Con esta acción, que ten como prazo de execución 6 semanas, "continuamos traballando nun modelo de cidade accesible, na que se favorece e facilita a mobilidade dos nosos veciños e veciñas". Nesta liña lembrou tamén a construcción dun ascensor público en Fontiñas, cuxa obra atópase actualmente adxudicada de xeito provisional na proposta da Mesa de Contratación celebrada o 14 de xuño, cun orzamento de 181.000 euros, pendente da documentación pertinente por parte da empresa adxudicataria. Unha vez recibida adxudicarase definitivamente en Xunta de Goberno.

No relacionado con accesibilidade, o equipo de Lara Méndez tamén actuará na rúa do Outono, na beirarrúa emprazada no lado sur desta vía, saldando, ao igual que coa actuación anterior, outra demanda veciñal. Esta actuación contempla cambiar as baldosas por unhas de máis adherencia, dispoñer varandas en catro tramos e colocar unha rampa con varanda na parte da escaleira. O presuposto é de 6.500 euros e o prazo de execución, catro semanas.

Os veciños e veciñas, os que definen a importancia dos asuntos

"Reitero, que os veciños e veciñas están sempre no centro da xestión municipal, tanto nos grandes proxectos como en actuacións máis cotiás, pero que son imprescindibles tamén para que se sintan cómodos na súa cidade. Estas novas actuacións, enmarcadas no Plan de Barrios, permiten dar solución a necesidades da cidadanía, e por pequenas que poidan parecer, é importante para mellorar o día a día da veciñanza", concluíu a Alcaldesa. Así mesmo, recalzou que o Concello é a primeira porta á que chaman os veciños e veciñas, "que son os que verdadeiramente definen a importancia dos asuntos". Neste caso os veciños fixeron partícipes ao Goberno de ambos os problema de accesibilidade, "que quixemos resolver entendendo que o espazo público está para un uso público".

Outras actuacións na zona

Ademais, dentro do Plan Único que leva a cabo a Deputación xunto ao Concello, colocarase, nunha zona tan importante para a cidade e para a cultura de Lugo como é a zona de Ramón Montenegro, unha escultura en granito dedicada a Javier Krahe, cun orzamento de 33.880 euros.

Na zona próxima a San Roque, o Concello destinará 290.000 euros para habilitar dous aparcadoiros públicos con unhas 74 prazas gratuítas dispoñibles, na rúa Jacinto Calvo e Xosé Novo Freire. 

Multimedia

  • A Alcaldesa preséntalle á veciñanza de San Roque as novas melloras de accesibilidade que executará o Goberno na contorna

Noticias relacionadas