O Concello presenta os proxectos de mellora do parque de San Lourenzo e da conexión entre Río Eo e Otero Pedrayo

Martes, 25 de agosto de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello presenta os proxectos de mellora do parque de San Lourenzo e da conexión entre Río Eo e Otero Pedrayo

Ambos proxectos se atopaban nunha fase inicial de redacción co obxecto de mellorar estes espazos públicos polo que o novo Goberno incorporou, entre outras cuestións, a renovación integral dos servizos. Con estas intervencións se dignifican e modernizan estes ámbitos da cidade, mellorando a súa imaxe, ordenando os usos, gañando espazos para os peóns e dando solucións ás necesidades de estacionamento.

O investimento destes 2 proxectos suma máis de 860.000 euros: 469.254,17 euros na Praza de San Lourenzo e 390.780,57 euros na conexión entre Río Eo e Otero Pedrayo. Ademais, contan cun 60 % de financiamento dos fondos FEDER, dentro do Programa Plurirrexional de España 2021-2027, no marco do Plan EDIL/PAI Novo Norte.

Paradai: así vai cambiar a conexión entre Río Eo e Otero Pedrayo

  • Hoxe a rúa ten só 6 metros de sección, con dúas beirarrúas estreitas, de aproximadamente un metro, e unha calzada central de 4 metros. Coa actuación, pasará a ter unha plataforma única de 7 metros, sen barreiras e con prioridade para os peóns.
  • O aparcamento estará ordenado. Actualmente é habitual que se estacionen vehículos sobre a beirarrúa, o que xera problemas de accesibilidade. Co novo deseño haberá 5 prazas en batería no extremo xunto a Río Eo, evitando que os coches invadan o espazo peonil.
  • A rúa seguirá tendo acceso para vehículos, pero non será unha vía de paso xeral: poderán circular residentes, servizos, emerxencias e mantemento. A prioridade será peonil.
  • Mellorarase a accesibilidade. Eliminaranse barreiras, adaptaranse as rasantes e instalaranse pavimentos táctiles nos cruces, cambios de nivel e puntos de advertencia, para facer o percorrido máis seguro e accesible.
  • Renovaranse as redes que hai debaixo da rúa. A actuación inclúe a renovación integral do saneamento e do abastecemento de auga, así como a ordenación e soterramento das infraestruturas de telecomunicacións, electricidade e iluminación.
  • A rúa terá máis verde e máis espazos para estar. Conservarase o arborado existente de maior porte e incorporaranse novas zonas axardinadas, céspede, especies aromáticas e ornamentais e espazos de estancia con bancos.
  • Tamén haberá espazos para os nenos e para descansar: dúas pérgolas, mobiliario urbano e unha pequena zona de xogos infantís no ámbito superior, preto de Otero Pedrayo. Tamén se instalará un aparcabicis para catro bicicletas.

Así vai cambiar a Praza de San Lourenzo

  • Máis espazo verde. A superficie verde continua pasará de aproximadamente 320 m² a 700 m², máis do dobre. Ademais, manterase o arborado existente e pasarase de 25 a 35 árbores, un incremento do 40 %.
  • Máis sombra e menos calor. A praza incorporará máis arborado, pavimentos permeables e materiais de menor absorción térmica. O proxecto estima unha redución da temperatura superficial de entre 8 e 12 ºC nos itinerarios principais respecto da situación actual.
  • Unha nova zona infantil. As áreas de xogo reorganizaranse e integraranse dentro do espazo verde, conectadas cos percorridos peonís. Haberá 534,60 m² destinados a xogos infantís, con pavimento continuo de caucho.
  • Máis lugares para sentarse e descansar. Crearase unha zona especialmente pensada para a estancia, con bancos e unha pérgola ou elemento lixeiro de sombra, especialmente no sector sur da praza.
  • O aparcamento quedará ordenado. Na actualidade poden chegar a estacionar ata 12 vehículos sen prazas delimitadas, dificultando incluso ás veces o acceso aos garaxes e penalizando o paso peonil. Co proxecto haberá 12 prazas en batería e outras 6 en liña: 18 prazas ordenadas en total.
  • Máis accesibilidade. A praza terá percorridos peonís claros e continuos, sen a fragmentación actual, e pavimentos accesibles.
  • Mellor iluminación. Renovarase a iluminación da praza e do pasadizo con tecnoloxía LED, reforzando especialmente os accesos, cruces, zona infantil e pasadizo.
  • A praza terá unha nova organización. O proxecto crea unha gran superficie verde central que integra os diferentes usos: camiñar, xogar e estar. Tamén se incorporan pérgolas, novas plantacións e un elemento de muro-banco arredor das zonas de xogo.

Documento

 

Noticias relacionadas