O alcalde e presidente do Eixo, Miguel Fernández, abriu o Consello Estratéxico lembrando a “importancia das cidades e dos territorios para anticiparse e dar resposta á veciñanza”.
Este organismo, dependente do Eixo Atlántico, analizou a situación actual derivada dos conflitos bélicos en Ucraína, Gaza e Irán, así como as crises enerxética e económica.
Ademais de protexer aos sectores máis vulnerables fronte ao orde mundial, os concellos de Galicia e Norte de Portugal traballarán para frear o despoboamento e os lumes forestais.

O Consello Estratéxico do Eixo Atlántico celebrou hoxe en Lugo a súa primeira reunión do ano, nun encontro que se desenvolveu no salón de plenos do Concello de Lugo, onde o alcalde lucense e presidente do Eixo, Miguel Fernández, deu a benvida á cidade aos seus integrantes. Este Consello Extratéxico logro reunir en Lugo a líderes políticos e a expertos para analizar a situación actual derivada dos conflitos bélicos en Ucraína, Gaza e Irán, así como as crises enerxéticas e económica. O obxectivo de hoxe foi o de analizar estes problemas para impulsar a resiliencia dos municipios de Galicia e do Norte de Portugal que integran o Eixo e tomar medidas fronte á crise global. Así o explicou o alcalde de Lugo na apertura desta primeira reunión do Consello Estratéxico, falando da “importancia das cidades e dos territorios para anticiparse e dar resposta á veciñanza destes territorios”.
Miguel Fernández falou de “día importante para o Eixo e para todos nós, porque ten que servir para analizar a capacidade de resiliencia e as liñas de actuacións das cidades ante este escenario imprevisto. É necesario tomar a iniciativa coa axuda de líderes políticos e expertos que nos axuden a avaliar a situación de forma rigorosa e, ao mesmo tempo, presentar alternativas”.
De feito, para identificar os puntos claves e facer ese análise da crise global, na reunión estiveron presentes, entre outros, Luís Nobre, vicepresidente do Eixo Atlántico e alcalde de Viana do Castelo; Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo; o presidente do Consello Estratéxico deste órgano e presidente da Cámara Municipal de Santa María da Feira, Amadeu Albergaria; os ex ministros portugueses José Maria da Cunha Costa e Arlindo Cunha; o ex presidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe; ex secretarios de Estado como José Luis Méndez Romeu; o ex presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo García; así como os ex alcaldes Severino Rodríguez, José Sánchez Bugallo e Ricardo Rio. Tamén asistiron expertos como a profesora Adelina Pinto, o ex-director da Agència d’Ecologia Urbana de Barcelona, Francesc Cárdenas, e o ex-presidente da Agência para o Desenvolvimento e Coesão (AdC) en Portugal, José Soeiro.
O alcalde de Lugo explicou tamén que “as cidades son moitas veces as primeiras en dar respostas ás necesidades da veciñanza nos momentos de crises globais. Ese é o reto que temos por diante desde o Eixo Atlántico: seguir avanzando no desenvolvemento dos nosos territorios e adiantarnos ás consecuencias desta situación”.
O Consello Estratégico, constituído en febreiro pasado durante a Asemblea Xeral celebrada na Coruña, reflexionou sobre o contexto inmediato e identificou liñas de acción que permitan fortalecer a resiliencia das cidades e protexer os sectores máis vulnerables fronte á crise enerxética e á escalada de prezos.
Durante a reunión púsoxe de manifesto que as cidades son a primeira liña de resposta fronte ás crises, como se demostrou na pandemia e como se está a producir, dunha forma menos mediática, na situación actual. Trátase de crises que en ningún caso foron provocadas polos xestores das cidades nin polos cidadáns; porén, son os xestores quen teñen que buscar solucións e, na maior parte das veces, financialas cos seus propios orzamentos, mentres que son os cidadáns quen sofren as consecuencias, especialmente os máis vulnerables.
No transcurso desta primeira reunión, o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao falou dunha situación actual no mundo que non invita ao optimismo, polo que as cidades deben prever as consecuencias das crises e previr os seus efectos. “Isto é o que se denomina resiliencia, e neste ámbito están a xogar un papel determinante as redes de cidades como o Eixo Atlántico, que a través da masa crítica que xera (7 millóns de cidadáns, neste caso) consegue activar mecanismos como o Consello Estratéxico, no que persoas de prestixio e cunha elevada experiencia profesional e política, desde diferentes posicións ideolóxicas, comparten coñecemento e reflexións nesta dirección: identificar liñas e activar estratexias que as cidades, soas ou en rede, poidan desenvolver para reforzar a súa resiliencia e prever os efectos máis negativos das crises”.
Nesta primeira sesión, o Consello Estratéxico analizou a situación e a crise enerxética, pero tamén cuestións que afectan ao desenvolvemento do territorio Galicia–Norte de Portugal, como a vivenda, a crise enerxética, o despoboamento e os incendios forestais. Este debate terá continuidade nunha segunda sesión, no próximo mes de xullo, na cidade de Santa María da Feira.
Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, destacou ademais que “mentres outros calan cun criticable servilismo ante Trump e perden tempo combatendo o Goberno Central por motivos partidistas, nós traballamos polo futuro das cidades e dos seus cidadáns”.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a reunión do Consello Estratéxico | Descargar mp3





