A Tenencia de Alcaldía aprobou na xunta de goberno de hoxe cuestións relacionadas coas concellerías de Participación e Educación.
Rubén Arroxo anunciou a continuidade do programa municipal de xadrez escolar e a contratación dun servizo de seguridade para os eventos na Praza e no Mercado.

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno celebrada hoxe, onde se inclúen cuestións relativas ás concellerías de Participación e Educación. En primeiro lugar, Arroxo anunciou a apertura do procedemento de licitación para levar adiante un novo contrato de actividades extraescolares. Arroxo explicou que, dadas as incidencias atopadas no servizo, o contrato actual só se prorrogou ata o 31 de maio, rematando este curso, mentres se elabora unha nova contratación.
O novo servizo ofrecerase aos centros entre outubro e maio, con 74 horas semanais durante as 32 semanas de curso. O prezo base de licitación é de 58.660,70€, e o novo contrato aumenta as horas de coordinación, que pasan de 9 a 15, atendendo á petición das ANPAS e dos equipos directivos dos centros. A respecto do contrato actual, Arroxo anunciou que a concellería de Educación contempla "a posibilidade da cesión a outra empresa antes de que remate o actual contrato sempre que o actual adxudicatario teña os pagos ao día", explicou.
Continuando coa Concellería de Educación, Arroxo anunciou que a Escola Luguesa de Xadrez continuará a desenvolver o programa municipal de xadrez para escolares tras a aprobación da primeira prórroga do contrato, cun importe de 11.000 euros e vixencia ata o 27 de maio de 2027, sendo esta a primeira das dúas prórrogas previstas. O proxecto inclúe actividades nos centros educativos e tamén na rúa, como o tradicional xadrez xigante de fin de curso e as actividades divulgativas nos barrios. Así mesmo, contempla a organización de torneos de xadrez dirixidos ao alumnado de Lugo.
Por outra banda, tamén se aprobou a primeira prórroga do contrato do servizo de limpeza e desinfección dos equipos de protección individual (EPIs) do persoal do cemiterio municipal, adxudicado a Ángel Cabado López por un gasto máximo de 3.627 euros e cunha nova vixencia ata o 25 de marzo de 2027, sendo esta a primeira de catro prórrogas posibles. O contrato consiste na recollida e limpeza das pezas de roupa e a certificación de que o proceso de limpeza elimina calquera tipo de contaminantes químicos e biolóxicos.
Ademáis, aprobouse a apertura de contratación do servizo de seguridade para eventos que se celebren na praza de Abastos e no Mercado Municipal en fins de semana e festivos. O contrato terá unha duración inicial dun ano, con posibilidade de prórroga ata cinco, e un orzamento total de 2.916,34 euros, e a apertura do procedemento de contratación para a subministración de produtos de limpeza e hixiénico-sanitarios para o Cemiterio, a Praza e o Mercado Municipais, tamén cunha duración dun ano prorrogable ata cinco, e un prezo total de 3.613,16 euros. Este contrato inclúe produtos como cloro, luvas, bolsas de lixo, vasoiras, protección solar e toalliñas húmidas.
Audio
- O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sobre as extraescolares | Descargar mp3

