O acto oficializou a incorporación de tres axentes en prácticas e dous policías en comisión de servizos, co obxectivo de fortalecer distintas unidades do corpo.
“Incorpóranse a un dos corpos policiais mellor valorados de Galicia, clave para que Lugo sexa unha cidade segura grazas tamén á coordinación co resto de forzas e corpos de seguridade”, destacou o alcalde.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presidiu esta mañá na Casa do Concello o acto de toma de posesión de cinco novos efectivos da Policía Local, nun acto no que tamén estiveron presentes a concelleira da Área de Xestión Integral de Recursos Internos, Ana González Abelleira, a secretaria xeral do Pleno, Ana María Rivas García, e os inspectores principais da Policía Local, José Manuel Río e José Luis Piñeiro.
As incorporacións inclúen tres funcionarios en prácticas, que iniciarán a súa actividade a partir do 2 de xaneiro de 2026, así como dous policías locais en comisión de servizos, que permitirán reforzar diferentes unidades operativas e mellorar a capacidade de resposta do corpo.
Durante a súa intervención, o alcalde puxo en valor o papel da Policía Local como un servizo esencial para a cidade, salientando que se trata dun corpo “profesional, próximo e amplamente recoñecido”. Fernández subliñou que Lugo é hoxe unha cidade segura grazas ao traballo diario da Policía Local e á boa coordinación co resto de forzas e corpos de seguridade.
Na actualidade, a Policía Local de Lugo conta con arredor de 125 axentes, un cadro de persoal que o Goberno local continúa reforzando para dar resposta ás necesidades da cidade.
No acto, os novos efectivos prestaron o preceptivo xuramento ou promesa de cumprir fielmente as obrigas do cargo, con lealdade á Constitución e ao Estatuto de Autonomía de Galicia, quedando así formalizada a súa incorporación á Policía Local de Lugo.

