Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 30 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Inspeccións conxuntas en dous locais nocturnos de Lugo: 39 identificados, un detido e múltiples infraccións administrativas

Durante a madrugada do pasado sábado 26 de outubro, a Policía Local de Lugo levou a cabo dúas importantes inspeccións en establecementos de lecer nocturno da cidade, nunha actuación coordinada co Corpo Nacional de Policía. Ambas as intervencións saldáronse coa identificación de 39 persoas, a formulación de numerosas actas denuncia por diversas infraccións administrativas e a detención dun individuo por un presunto delito de atentado contra axente da autoridade.

Os controis realizáronse en dous establecementos que xa foran obxecto de seguimento policial por distintos incumprimentos durante os meses anteriores. En ambos os casos, constatáronse graves irregularidades que afectan directamente á seguridade e salubridade dos espazos destinados ao lecer nocturno.

 Entre as principais infraccións detectadas destacan:

  • A falta de limpeza ou hixiene nos aseos e servizos.
  • O deber de información do tratamento de imaxes persoais por videovixilancia.
  • A omisión de persoal habilitado para o control de acceso.

Ademais, nun deles, detectouse que o presunto encargado do control de accesos carecía da titulación requirida e negou relación laboral co establecemento. Este extremo quedou reflectido en acta ao tratarse dunha figura crave na seguridade do local, especialmente no contexto do aforo e seguridade das persoas.

O operativo policial conxunto concluíu con 6 actas denuncia conforme á Lei Orgánica 4/2015 de Protección da Seguridade Cidadá, e a detención dun individuo por un delito de atentado á autoridade.

Desde a Policía Local de Lugo insístese en que este tipo de actuacións continuarán desenvolvéndose de forma periódica, con especial atención a aqueles establecementos que incumpren de maneira reiterada a normativa vixente, comprometendo a seguridade dos asistentes e a orde pública.

Noticias relacionadas