Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Venres, 27 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Detidos dous individuos tras un roubo con intimidación nun bar, persecución policial e achado de produtos subtraídos

A Policía Local de Lugo logrou esclarecer en menos dunha hora un roubo con intimidación perpetrado ao mediodía do pasado martes 24 de xuño, grazas á rápida actuación das unidades en servizo, unha coordinación eficaz entre patrullas, e a colaboración cidadá.

Os feitos iniciáronse sobre as 13:00 horas, cando un cidadán que se atopaba no interior dun bar, na parroquia de Santiago de Castelo, foi abordado por dous individuos que se baixaron dun vehículo negro tipo familiar. Segundo o testemuño da vítima, os dous homes, esixíronlle diñeiro de forma intimidatoria, chegando un deles a ameazarlle con picarlle se non accedía a entregar o efectivo. O afectado, visiblemente nervioso, entregoulles 50 euros, tras o cal ambos se deron á fuga.

Cando a vítima tentou tomar nota da matrícula desde a porta do establecemento, os autores volvéronse cara a el para advertirlle agresivamente que se metese de novo dentro do bar. Unha testemuña dos feitos (o propietario do bar) achegou ademais datos crave para a identificación dos presuntos autores, xa que facilitou os alias polos que son coñecidos.

Durante o traslado da vítima a dependencias policiais, unha patrulla localizou o vehículo sospeitoso nas inmediacións da rotonda de San Eufrasio, iniciando unha breve persecución. A pesar dos sinais acústicos e luminosos do vehículo policial, o turismo tentou evadir o control, polo que foi necesario realizar unha manobra de interceptación para pecharlles o paso de forma segura. Nese momento, a vítima recoñeceu sen dubidar aos ocupantes.

Ambos os homes foron detidos no acto, informándoselles dos seus dereitos. O condutor foi sometido á proba de alcoholemia, lanzando un resultado de 0,80 mg/l, e posteriormente tamén positivo en cocaína, polo que se instruíron dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria.

O máis curioso da intervención foi o achado nos asentos traseiros do vehículo dun queixo e un xamón, cuxa procedencia foi aclarada pouco despois: tratábase de produtos subtraídos esa mesma mañá nun supermercado de Lugo, que denunciara o roubo indicando como posible vehículo implicado o mesmo interceptado polos axentes.

En total, recuperouse parte do diñeiro roubado e interveuse ademais unha navalla de madeira que portaba un dos detidos.

Desde a Xefatura da Policía Local débese destacar o traballo coordinado dos indicativos implicados, que actuaron con axilidade, profesionalidade e un enfoque integral que permitiu esclarecer en poucos minutos un roubo, recuperar produtos subtraídos e detectar unha infracción penal contra a seguridade viaria, todo nunha mesma intervención. Actuacións como esta evidencian a gran capacidade de traballo dos integrantes e o compromiso do corpo coa protección da cidadanía no mantemento da seguridade urbana en todas as súas frontes, desde os máis graves ata os máis insólitos.

Dispositivo conxunto en locais de lecer nocturno para reforzar a seguridade e a convivencia

Durante a madrugada do sábado 21 de xuño, a Policía Local de Lugo e a Policía Nacional, levaron a cabo unha nova intervención no marco do plan de control do lecer nocturno. A actuación desenvolveuse de forma conxunta e coordinada co obxectivo de supervisar o cumprimento da normativa vixente en locais de lecer nocturno, para  garantir a seguridade dos asistentes e previr posibles condutas de risco ou incivismo.

No transcurso da operación realizáronse inspeccións simultáneas en dous establecementos do centro urbano: un situado na Rúa Catedral, e outro na Rolda da Muralla.

Durante a intervención detectáronse varias deficiencias de carácter administrativo, entre elas a ausencia de acreditación profesional da persoa encargada do control de accesos, o cal supón unha infracción grave en virtude da Lei de Espectáculos Públicos de Galicia. Ademais, constatouse a falta de cartelería visible sobre o dereito de admisión, a existencia de cámaras de vixilancia sen sinalización informativa, a ausencia do modelo oficial de follas de reclamacións e a imposibilidade de obter un ticket de compra ou factura simplificada, incumprindo así a normativa sobre dereitos dos consumidores.

Ademais, ambas as actuacións concluíron cun total de 18 persoas identificadas e a interposición de dúas actas por tenencia de substancias estupefacientes, en aplicación da Lei de Protección da Seguridade Cidadá.

Este tipo de controis integrais forman parte dunha estratexia de vixilancia permanente que ten un carácter esencialmente preventivo. O labor conxunto entre a Policía Local e a Policía Nacional permite reforzar a cobertura e eficacia destas actuacións, cunha presenza visible que transmite tranquilidade á cidadanía e promove un lecer nocturno máis seguro e respectuoso coa normativa.

As Forzas e Corpos de Seguridade continuarán despregando este tipo de dispositivos, convidando o sector hostaleiro e á cidadanía en xeral a colaborar activamente no respecto ás normas que protexen o benestar común. A convivencia no ámbito do lecer pasa por garantir contornas seguras e con regras claras, onde o desfrute non entre en conflito coa legalidade nin cos dereitos de terceiros.

Noticias relacionadas