
Dúas persoas detidas en menos de 24 horas en actuacións distintas por delitos contra a autoridade e o patrimonio. A rápida intervención e o compromiso dos axentes permitiron garantir a seguridade das vítimas e de terceiros en ambas situacións.
Agresión e incidentes graves no Fogar do Transeúnte
Durante a noite do mércores 24 de abril, axentes da Policía Local de Lugo foron comisionados ao Fogar do Transeúnte tras recibirse aviso desde o centro sobre un individuo alterado que se negaba a abandonar as instalacións tras esgotar a súa estadía autorizada. Á súa chegada, os axentes comprobaron que esta persoa presentaba unha actitude agresiva, danando mobiliario do recinto e alterando o normal funcionamento do servizo.
Tras varios intentos de diálogo para reconducir a situación, o implicado subiuse a un muro ameazando con lanzarse se os axentes se achegaban. Finalmente, ao intentar intervir para evitar males maiores, o individuo arremeteu contra os axentes con patadas e empurróns, polo que foi reducido e detido pola Policía Local. Foi trasladado posteriormente ao centro sanitario, onde precisou ser sedado por persoal médico debido á súa actitude agresiva.
Desde a Policía Local sublínase a intervención serena e eficaz dos axentes nunha situación de risco directo tanto para terceiros como para o propio implicado, garantindo en todo momento a seguridade e a integridade das persoas.
Detención por roubo e ameazas nun comercio do centro
Poucas horas antes, pola tarde do mesmo mércores, unha patrulla en servizo de vixilancia na zona centro foi requirida con urxencia por unha cidadá, quen alertou dun roubo en curso nun establecemento da Rúa Nova.
Os axentes dirixíronse ao punto sinalado e lograron interceptar á presunta autora, a cal acababa de subtraer diñeiro da caixa rexistradora do comercio aproveitando un momento de distracción. A dependenta e a súa filla relataron como esta persoa, ademais de apoderarse dun feixe de billetes, reaccionou de forma violenta ao ser descuberta, chegando a forcexear, empurrar e incluso proferir ameazas de morte a ambas mulleres.
Grazas á colaboración cidadá e á rápida intervención policial, logrouse recuperar a totalidade do diñeiro subtraído, evitándose así maiores prexuízos para as vítimas. A detida foi primeiro trasladada ao centro médico conforme aos dereitos que a asisten e posteriormente a dependencias policiais para a tramitación de dilixencias.
Desde a Policía Local de Lugo destácase a valentía das vítimas ao reter á presunta autora, así como a eficacia dos axentes na resolución dun delito contra o patrimonio con violencia, en pleno centro da cidade e en horario comercial.
Compromiso policial e coordinación en cada intervención
Ambos sucesos reflicten o compromiso da Policía Local de Lugo coa protección da orde pública, a seguridade cidadá e a asistencia inmediata ante calquera situación que supoña un risco para as persoas ou bens.
Desde a Xefatura recoñécese o labor dos efectivos implicados en ambas actuacións, nas que unha vez máis quedou patente a proporcionalidade, firmeza e profesionalidade coa que se afrontan intervencións de diversa natureza. Destacando a determinación e colaboración cidadá, como se demostrou unha vez máis, ademais de valente é clave para apoiar aos dispositivos policiais.

