COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL

Venres, 23 de agosto de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL

Venda ambulante non autorizada

Durante o dispositivo de vixilancia que a Unidade Territorial de Policía de Barrio levou a cabo no mercadillo de Frigsa e inmediacións da Praza de Abastos, os axentes detectaron a presenza de cinco mulleres, catro no mercadillo e unha na Praza, que realizaban venda ambulante sen estar en posesión a preceptiva autorización municipal.  No caso do mercadillo de Frigsa, as mulleres ofrecían desde roupa ata libros e xoguetes usados, que eran expostos sobre mesas ou mantas tendidas no chan. No caso da Praza de Abastos, a roupa estaba exposta sobre o chan ou colgada en perchas sobre unha das portas de acceso ao recinto. As cinco mulleres foron denunciadas por unha infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por ocupar a vía pública para a venda ambulante sen autorización.

Accidente de circulación

O mesmo martes, sobre as 7’00 horas, os axentes da Unidade de Atestados foron comisionados na Rolda da Muralla, entre as rúas Luís Cordeiro e Conde, onde se produciu un accidente de circulación. Os axentes comprobaron que a condutora dun vehículo, por causas descoñecidas ata o momento, perdeu o control do turismo e subiu sobre a beirarrúa ao lado dereito, chocando contra 5 bolardos, que resultaron danados. A muller, de 34 anos de idade, lanzou resultado positivo nas probas de alcol e drogas, resultando ilesa. (FOTO1)

Equipo musical sen autorización

Ás 23’40 horas do martes, a Sala do 092 recibiu queixas veciñais sobre o ruído procedente dun local de hostalería da Avd. de Magoi. Ao lugar trasladouse un indicativo do Grupo Operativo Nocturno, comprando que se trataba dun equipo de son que fora instalado na terraza do establecemento, que non contaba con autorización para facer uso do mesmo, motivo polo cal os axentes confeccionaron a correspondente acta-denuncia, por unha infracción á Ordenanza de Contaminación Acústica.

Incendio

Ás 23’00 horas do mércores, a Sala do 092 recibe información sobre un incendio na parroquia de Coeses, polo que despraza ao lugar un indicativo do Grupo Operativo Nocturno, que comproba a veracidade da chamada. Aos poucos instantes preséntanse varias dotacións do Servizo de Extinción de Incendios Municipal, sufocando as chamas por completo. Tamén compareceron varias dotacións do Servizo de Extinción da Xunta de Galicia, sen que fose necesaria a súa actuación.

Molestias por ruídos

Ás 4’50 horas do xoves, a Sala do 092 recibe queixas polas molestias que causa o volume da música que procede dun piso da rúa Armórica. Os axentes contactan co requirente e comproban de onde procede a música, informando o morador da vivenda das molestias que está a causar, polo que apaga a música de inmediato.

Aparcacoches

Durante a mañá do mércores, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio que formaban parte do dispositivo de vixilancia na contorna do Hula, para a detección de “aparcacoches”, puideron localizar e denunciar a dous individuos que exercían tal actividade, introducíndose na calzada e causando un risco para a circulación e para a súa integridade física.

Auxilio a cidadán

Ás 13’40 horas do xoves, a Sala do 092 recibe información sobre unha persoa inconsciente na rúa Erín. De forma inmediata, trasládase ao lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio, que comproba que se trata dun home, tendido no chan pero consciente, acompañado dunha muller, a cal di atopalo así cando pasaba polo lugar. O home manifesta que se dirixía ao PAC de Fingoi a realizar unhas curas no pé, que tiña vendado, pero que comezou a sentir unha gran dor que lle impedía continuar camiñando, polo que foi auxiliado pola propia patrulla, que o deixou no centro sanitario para ser atendido.

 

Noticias relacionadas