Fondo Fotográfico Municipal

A colección fotográfica Delgado Guisasola foi adquirida polo Concello de Lugo o 8 de xuño de 1990 e posteriormente depositada no Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Na actualidade está custodiada nas dependencias do Arquivo Municipal de Lugo. Consta de máis de 3.307 fotografías, tanto en soporte papel, positivos, coma en vidrio ou película flexible no caso dos negativos. A maior parte das fotografías foron realizadas por Valentín Roldán Regal, fundamentalmente entre os anos trinta e corenta do noso século, aínda que tamén contamos con algunhas imaxes de finais do século pasado captadas por Salvador Castro Freire, un coñecido farmacéutico e fotógrafo da cidade.

A colección fotográfica está composta por fotografías da época que recollen momentos xerais e concretos da vida cotiá de Lugo e dos lucenses ó longo de cerca de corenta anos. Ademais deste tipo de fotografías, a colección inclúe imaxes doutras provincias de Galicia e da Península como Madrid, Canarias, etc. pero tamén de espazos internacionais como A Habana ou Italia, de ahí a súa riqueza patrimonial global.

As fotografías non só retratan edificios arquitectónicos, rúas, prazas, etc, senón tamén as súas xentes, constituíndo unha interesante testemuña da evolución do retrato fotográfico no século XX.

+ Info