Festas de San Froilán

As multitudinarias festas do San Froilán son as máis fermosas do outono galego, dixo Álvaro Cunqueiro no seu tempo. E non esaxeraba: en realidade, hoxe pódese dicir que son as máis fermosas de todas as estacións en Galicia.

O cinco de outubro San Froilán, o amigo dos  lobos, é o pretexto para uns festexos nos que Lugo, sempre cidade aberta, é máis aberta ca nunca. Milleiros e milleiros de persoas acoden á vella cidade, non só dos arredores, non só de toda Galicia, senón de fóra dela, e moi especialmente de Asturias e León. O Domingo das Mozas, o seguinte ao día do Patrón, é un verdadeiro río de xente, que sempre parece que non cabe e sempre acaba cabendo.

E ademais as festas do San Froilán son unha das mellores ocasións para coñecer o Lugo monumental, concentrado no centro histórico, que do 4 ao 12 de outubro, vestido de festa, adquire un esplendor especial, tinguido coa luz e coas cores do outono.