Un equipo do Parque Móbil eliminou a infraestrutura, que estaba fora de servizo, para garantir unhas maiores condición de seguridade e suprimir un elemento que confrontaba coa riqueza paisaxística da paraxe.
“Decidimos actuar do xeito máis áxil posible despois de estudar con detemento as peticións que recibimos dos veciños da contorna”, explicou a rexedora.

O Goberno Local derrubou hoxe, atendendo ás petición veciñais, unha caseta en desuso situada na parte peonil da carballeira de Fingoi e nas inmediacións do aparcamento de Campos Novos, para evitar problemas de convivencia. A propia Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e a concelleira de Cohesión Social, Ana Abelleira, supervisaron o inicio da actuación para eliminar a infraestrutura co obxectivo de evitar que se seguisen producindo actos incívicos dentro dela.
Os operarios do Parque Móbil demoleron o inmoble, fora de servizo dende hai tempo, para mellorar as condicións de seguridade e salubridade na zona, ademais de suprimir un elemento que confrontaba coa paraxe a nivel estético. “A carballeira é un dos tesouros verdes cos que temos a sorte de contar na área urbana de Lugo e, como tal, temos que coidala. A caseta, alén dos problemas de convivencia que puidera xerar, no supoñía un elemento que harmonizase coa riqueza paisaxística da paraxe”, apuntou a Alcaldesa de Lugo.
“Unha das nosas principais inquedanzas é solucionar os problemas de convivencia dos lucenses e as lucenses, por iso decidimos actuar do xeito máis áxil posible despois de estudar con detemento as peticións que recibimos dos veciños da contorna”, rematou a rexedora.
Unha vez rematados os traballos, os operarios do Servizo de Parque Móbil retiraron e clasificaron os residuos para o seu posterior desescombro e a recuperación da normalidade no espazo.


