O Concello de Lugo insta á Xunta a limpar a Muralla e cumprir coa súa obriga de conservación e mantemento deste Patrimonio da Humanidade

A edil de Gobernanza avanzou que “hoxe enviamos un requirimento á Consellería de Cultura para que proceda á súa limpeza, tendo en conta o estado no que se atopa”

Paula Alvarellos lembrou que “as competencias son do Goberno galego, por iso, reclamámoslle que actúe o máis axiña posible para emendar esta imaxe de abandono”

Xoves, 18 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo insta á Xunta a limpar a Muralla e cumprir coa súa obriga de conservación e mantemento deste Patrimonio da Humanidade

O Concello de Lugo instou á Xunta de Galicia a limpar a Muralla e cumprir, deste xeito, coa súa obriga de mantemento deste Ben Mundial. Así o informou este xoves a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, quen avanzou que “no día de hoxe enviamos un requirimento á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que acometa a realización dos traballos ordinarios de conservación da Muralla”.

Neste senso, a edil lembrou que a Consellería de Cultura e Turismo ostenta as competencias de tutela e protección sobre o monumento bimilenario “que, nestes momentos, presenta un estado moi deficitario con relación ao seu mantemento e aseo dado que a maior parte dos cubos se atopan recubertos de herba, así como dunha inxente cantidade de maleza que, á súa vez, podería ocasionar considerables danos na construción”.

“Sendo conscientes de todas as limitacións que impuxo a declaración do Estado de Alarma e da recuperación progresiva de toda a actividade, tamén no sector público, instamos, dende a institución local, á Xunta de Galicia a iniciar, canto antes, a retirada da vexetación dos lenzos da Muralla, para evitar o seu deterioro contribuíndo, asemade, á mellora da súa imaxe que, estamos seguros, redundará igualmente na percepción do conxunto da cidade”, abondou Paula Alvarellos ao tempo que indicou que a Consellería de Cultura dispón de licenza municipal, outorgada en 2019, para a execución destes traballos por un período de 14 meses polo que aínda perdura o prazo de actuación.

Ao mesmo tempo, dende o Concello de Lugo, a edil tendeu a man e ofreceu “unha absoluta colaboración naqueles aspectos de titularidade municipal nos que a Consellería estime e poida precisar da nosa cooperación”, engadiu.

Alvarellos recorda, ademais, que este ano se cumpre o 20 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, o 30 de novembro do 2000. Este recoñecemento supuxo un fito na historia da cidade, pois conseguiu multiplicar de forma exponencial o número de turistas que visitan Lugo cada ano. Cómpre sinalar que se trata da única muralla do mundo que conserva íntegro o seu perímetro.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a limpeza da Muralla | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello de Lugo insta á Xunta a limpar a Muralla e cumprir coa súa obriga de conservación e mantemento deste Patrimonio da Humanidade

Noticias relacionadas