O Concello de Lugo exime á Xunta do pago do 95% do ICIO do Centro Integral de Saúde da Residencia

Grazas a esta bonificación o Sergas só terá que abonar 12.524 euros do imposto que ascendía a 250.498’11 €

Mércores, 25 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo exime á Xunta do pago do 95% do ICIO do Centro Integral de Saúde da Residencia

O Concello de Lugo levará ao Pleno de mañá a aprobación da bonificación ao Sergas do 95% do ICIO do Centro Integral de Saúde da Residencia.

Unha contiosa diminución do imposto municipal que quedaba recollida no Convenio de Colaboración asinado entrámbalas dúas administracións para proceder á reconversión do antigo Hospital Materno Infantil.

“A rebaixa – explicou a edil de Gobernanza – ascende a 237.973’21 euros, minorando a tributación da Consellería de Sanidade por esta obra a 12.524 euros (dun total de 250.498’11 €), ao considerala de especial interese ou utilidade municipal xa que concorren circunstancias sociais, culturais, histórico, artísticas ou de fomento do emprego que así o xustifican como recolle a propia Ordenanza na que se ampara o devandito beneficio fiscal”.

Paula Alvarellos lembrou que a adopción desta medida procede de agosto de 2019 cando se aprobou o acordo en Xunta de Goberno e que se efectiviza agora – trala paralización de prazos administrativos que impuxo a pandemia - logo de que o pasado 10 de febreiro se autorizara o inicio dos traballos nos que se inclúe a creación, no barrio da Residencia, dun Centro de Saúde Mental, un Pac e a Base do 061.

Noticias relacionadas