Os traballos, que rematarán esta semana, teñen por obxecto a demolición dun paso elevado na confluencia da avenida coa rúa Vía Láctea.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e a subdelegada do Goberno nesta provincia, Isabel Rodríguez, supervisaron esta mañá o inicio dos traballos de modernización da liña ferroviaria ao seu paso polo municipio.
As obras, que se prevé conclúan esta mesma semana, comezaron coa protección da vía antes de iniciar a demolición do paso superior sito entre a avenida Infanta Elena e a rúa Vía Láctea dende a que se realizarán a meirande parte das tarefas debido aos propios condicionantes que presenta o paso e buscando unha menor afección das mesmas.
O operativo, integrado por unha pá escavadora e diversos camións que se encargarán de retirar o entullo, permanece debidamente sinalizado e foi comunicado, con anterioridade, á veciñanza que reside na zona para informalos dos cortes de tráfico que será preciso realizar para executar os labores que se acometerán en horario diúrno para diminuír todo o posible as molestias á cidadanía.