A Comisión de Tráfico abordou o proxecto para solucionar o problema de acceso á rúa Angelo Colocci

A medida, que a alcaldesa estudou coa veciñanza do barrio durante o mandato anterior, trata de favorecer a entrada directa a esta vía dende a Avenida da Coruña

Na xuntanza tamén se acordou, entre outros aspectos, a modificación dos formularios para a ocupación e reserva temporal da vía pública no Casco Histórico

Venres, 13 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Comisión de Tráfico do Concello de Lugo, presidida pola alcaldesa, Lara Méndez, vén de abordar o proxecto de mellora dos accesos á rúa Angelo Colocci para propiciar a entrada directa á mesma dende a Avenida da Coruña sen necesidade de subir ata a glorieta da Medusa para facer o cambio de sentido.

A solución, que obedece ao compromiso acadado pola rexedora coa veciñanza da contorna xa durante o pasado mandato, pasará a analizarse nas vindeiras semanas coa conseguinte realización dun estudo técnico ao respecto.

Ademais, na xuntanza, celebrada este mércores, acordouse, entre outros aspectos, a incorporación dun novo modelo de declaración responsable para solicitar a reserva temporal da vía pública (vaos, estadas, colectores de obra, etc) na cidade co fin de axilizar ao máximo posible a súa tramitación.

Na Comisión de Tráfico, alén da alcaldesa están presentes os edís responsables de Mobilidade e Infraestruturas Urbanas, así como persoal técnico e da Policía Local.

Noticias relacionadas