O Concello avanza coa supervisión do proxecto de Esperante para corrixir as deficiencias sinaladas pola Xunta en 2023

Martes, 19 de maio de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A alcaldesa de Lugo mantivo unha reunión de traballo co xefe de Medio Ambiente para desbloquear a situación do proxecto de saneamento e abastecemento de Esperante e coordinar as xestións que se están realizando con Augas de Galicia.

Na reunión celebrada esta mañá a alcaldesa encargou avanzar na supervisión técnica do proxecto co obxectivo de corrixir as deficiencias sinaladas pola Xunta de Galicia nun requirimento realizado no ano 2023 e continuar así coa tramitación necesaria para executar esta infraestrutura.

O Executivo municipal considera prioritario impulsar esta actuación, incluída entre os compromisos adquiridos polo actual Goberno local, co obxectivo de avanzar na sinatura do convenio necesario para facer realidade o saneamento e abastecemento desta zona e poder licitar posteriormente as obras.

Trátase dunha actuación para a que existen recursos comprometidos desde hai anos por parte da Xunta de Galicia, administración que financia o 70 % da intervención prevista.

O Goberno local destaca a necesidade de reactivar este proxecto para responder a unha demanda histórica da veciñanza de Esperante e avanzar na mellora dos servizos básicos nesta contorna rural.

Noticias relacionadas