O alcalde recibe ao colectivo Peregrinos por Cantabria no acto de irmandade coa Asociación Vía Künig de Lugo

Miguel Fernández presidiu a recepción no Concello aos 35 integrantes da agrupación cántabra e salientou o traballo para promover a beleza do Camiño de Santiago e en especial deste itinerario. 

O rexedor municipal asinou este acordo conxunto entre ambos grupos e o Concello para impulsar a recuperación, difusión e colaboración a prol deste percorrido xacobeo. 

Domingo, 03 de agosto de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde recibe ao colectivo Peregrinos por Cantabria no acto de irmandade coa Asociación Vía Künig de Lugo

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu esta mañá no Concello de Lugo aos aproximadamente 35 integrantes do colectivo Peregrinos por Cantabria, formado por uns 300 socios, na súa visita á cidade, como parte dos actos de irmandade coa Asociación Vía Künig de Lugo, que tamén estivo representada por gran parte da xunta directiva, entre eles o seu presidente, Javier Gómez. O rexedor municipal tamén asinou o acordo conxunto entre ambos grupos e o Concello de Lugo para impulsar a recuperación, difusión e colaboración a prol deste percorrido xacobeo. 
 
Miguel Fernández recomendoulles varios enclaves da cidade, en especial a visita á Catedral, á Muralla e ao punto no que conflúen os tres Patrimonios da Humanidade de Lugo. Ademais desexoulles unha boa estancia na cidade ao tempo que sinalou que “é un pracer recibirvos e celebrar este acto de irmandade entre a Asociación Vía Künig de Lugo, Peregrinos por Cantabria e o Concello de Lugo, que simboliza a unión e a paixón polo Camiño de Santiago. Tamén supón reforzar o vínculo e a alianza por este itinerario da Vía Künig, que estou convencido seguirá gañando adeptos, grazas á beleza do seu percorrido pero tamén ao traballo e ao compromiso dos que integrades as asociacións que a impulsan”. 
 
A de hoxe foi a segunda parte do acto de irmandade entre os colectivos galego e cántabro, despois dunha primeira xornada celebrada o pasado 5 de xullo en Cantabria, en Castro Urdiales. Onte, entraron na provincia lucense seguindo o itinerario de Herman Künig, visitando As Nogais, Becerreá, Baralla e O Corgo. A vía Künig entra a Galicia por Pedrafita do Cebreiro, ao igual que o Camiño Francés, para despois seguir o itinerario do Camiño Primitivo, pasando por Lugo. A ruta por Cantabria é unha variante do Camiño da Costa, que parte desde Irún en dirección a Santiago de Compostela. 

Multimedia

  • O alcalde recibe ao colectivo Peregrinos por Cantabria no acto de irmandade coa Asociación Vía Künig de Lugo
  • O alcalde recibe ao colectivo Peregrinos por Cantabria no acto de irmandade coa Asociación Vía Künig de Lugo
  • O alcalde recibe ao colectivo Peregrinos por Cantabria no acto de irmandade coa Asociación Vía Künig de Lugo

Noticias relacionadas