Excursións polas Terras de Auga e Cultura

Do 10 de abril ao 18 de decembro de 2016

A cuarta edición do plan turístico Terras de Auga e Cultura, que inclúe un total de 35 rutas pola zona rural de Lugo e os concellos limítrofes de Rábade e O Corgo, que se desenvolverán todos os domingos, dende o 10 de abril ao 18 de decembro, excepto o 19 de xuño e o 9 de outubro, por coincidir co Arde Lvcvs e o San Froilán, respectivamente.

Trátase dun programa de visitas temáticas de promoción turística para dar a coñecer o patrimonio natural, arquitectónico e cultural que se conserva nas parroquias. Deste xeito, a entidade local oferta rutas con 5 temáticas, xeoloxía, bioloxía, antropoloxía e etnografía, patrimonio histórico-artístico e arquitectura e deseño.

Estas rutas turísticas de carácter gratuíto desenvolveranse de 10:30 a 19:00 horas, de abril a outubro,  e de 10:30 a 18:00 horas, nos meses de horario de inverno e teñen como punto de saída e de regreso o treito peonil da Ronda da Muralla, á altura da porta do Bispo Aguirre. Do mesmo xeito que nas anteriores edicións, os interesados poderán inscribirse na Oficina Municipal de Turismo, con prazo límite para inscribirse fixado ás 14:00 horas do día anterior á celebración da excursión. O número máximo de excursionistas será de 35 persoas.