Catalpa bignonioides (Catalpa)

Catalpa bignonioides
Catalpa

- Familia: Bignoniaceae
- Orixe: sur e este dos Estados Unidos

Árbore caducifolia que rara vez sobrepasa os 15 metros de altura, con toro retorto, cuberto por unha codia escamosa e fendida. A copa é bastante ancha.

As follas poden chegar a medir 20 centímetros ou máis, pubescentes polas duas caras, acorazaonadas na base, con longo pecíolo e verticiladas, de 3 en 3, nas ponlas. E característico o cheiro desagradable das follas ó debullalas.

As flores están situadas en grandes panículas ergueitas, teñen o cáliz bilabiado e a corola (de 3 a 5 centímetros) acampanada, con 5 lóbulos desiguais, de cor branca e cun debuxo amarelo e violeta no interior, teñen 5 estames (2 fértiles e 3 estériles) soldados á corola, e un ovario.

O froito é un folículo alongado que lembra a unha legume, pode medir de 20 a 40 centímetros de longo e 8 milímetros de ancho, no seu interior están as sementes, aladas e veludas de 2 a 5 centímetros de longo.

Fonte: Guía botánica Parque Rosalía de Castro