Aesculus hippocastanum (Castiñeiro das Indias)

Aesculus hippocastanum
Castiñeiro das Indias

- Familia: Hippocastanaceae
- Orixe: rexión mediterránea oriental
- Curiosidade: as sementes desta árbore úsanse para extraer sustancias mediciñais, industriais

Ábore caducifolia que pode chegar a acadar máis de 30 metros de altura.

Ten follas opostas, palmeadocompostas, con 5 ou 7 foliolos sentados, anchos, aserrados no borde, poden medir ata 25 x 10 centímetros cada un, teñen cor verde escura pola face e pardo ferruxinosa no envés.

As flores dispóñense en acios ergueitos de 12 a 30 centímetros, son hermafroditas, con 5 sépalos verdes, 5 pétalos brancos, cunha mancha amarela na base que máis tarde toma unha tonalidade vermella, 7 estames de diferente tamaño e un ovario cun estilo curvado.

O froito é unha cápsula de ata 6 centímetros de diámetro, con grosas paredes das que sobreasen unhas espiñas máis ou menos grandes, aínda que non picudas. A comezos do outono ábrese para soltar de 1 a 3 sementes, moi parecidas as castañas aínda que máis amargas. 

Fonte: Guía botánica Parque Rosalía de Castro