Alcaldía

Benvida á Casa do Concello Virtual

Elena Candia López - Alcaldesa de Lugo

A profunda transformación tecnolóxica vivida nas últimas décadas do século XX dificilmente pode compararse, pola súa velocidade, alcance e impacto, con outros procesos históricos anteriores.

As persoas da miña xeración tivemos a oportunidade de presenciar o avance constante da informática e, especialmente a partir dos anos 90, o desenvolvemento de internet, unha ferramenta que fixo posible o acceso inmediato a unha inmensa cantidade de información e unha comunicación instantánea entre calquera punto do planeta.

Como resultado desta evolución, o mundo deixou de ser illas pouco comunicadas para converterse nun territorio onde todo se atopa máis preto.

Noutras épocas, as grandes cidades concentraban boa parte da actividade cultural e da información privilexiada.

Na actualidade, esa información está dispoñible de maneira inmediata no espazo dixital, e Lugo sitúase, como calquera outro lugar, plenamente conectado co resto do mundo.

A implantación de internet modificou profundamente numerosos aspectos da vida diaria nas sociedades desenvolvidas.

As xeracións máis novas, que medraron xa nun contexto dixital, perciben con menor intensidade a dimensión destes cambios, precisamente porque forman parte natural da súa realidade.

Pola contra, aquelas persoas que viviron o inicio desta transformación sendo xa adultas son máis conscientes da magnitude desta revolución tecnolóxica.

Un dos ámbitos nos que internet tivo unha incidencia máis positiva foi o das administracións públicas.

O Concello de Lugo incorporouse hai anos a este proceso de modernización, e esta páxina web, máis completa, accesible e actualizada, representa un novo avance que terá continuidade no futuro.

Tanto para min persoalmente como para toda a Corporación municipal, a mellora permanente da nosa presenza na rede constitúe un compromiso fundamental.

A través deste portal, o Concello de Lugo pretende impulsar unha administración electrónica que facilite e axilice os trámites administrativos, ofrecer información municipal clara e actualizada, e crear unha canle de comunicación directa e interactiva coa cidadanía lucense e con todas aquelas persoas que desexen contactar co noso municipio desde calquera lugar do mundo, trasladando as súas opinións, propostas, consultas ou suxestións.

Esta web constitúe tamén unha xanela aberta de Lugo cara ao exterior, mostrando información sobre a cidade, a súa historia, o seu patrimonio, a súa contorna natural e a súa xente.

Calquera persoa pode acceder a esta xanela dixital para coñecer mellor como somos, dende calquer lugar.

Con todo, estes avances tecnolóxicos non substituirán nunca o valor do contacto persoal e directo.

O Concello de Lugo continúa sendo a casa común da veciñanza, e as nosas dependencias, oficinas e espazos de atención permanecerán abertas para atender persoalmente á cidadanía por parte da Alcaldía, da Corporación municipal e do conxunto de traballadoras e traballadores que temos a responsabilidade e o orgullo de estar ao voso servizo.

Elena Candia López - Alcaldesa de Lugo