O Concello ofrece 14 cursos gratuítos con máis de 200 prazas no Edificio de Novas Tecnoloxías

Rosana Rielo presentou a nova programación do Tecnoloxíza-T! para públicos de todas as idades, que se desenvolverá do 21 de outubro ao 22 de decembro

As persoas interesadas poderán inscribirse no propio centro ata as 20:00 horas do día de peche da inscrición, que é distinto para cada un deles

Venres, 06 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello ofrece 14 cursos gratuítos con máis de 200 prazas no Edificio de Novas Tecnoloxías

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, presentou este venres os cursos do novo programa formativo Tecnoloxíza-T!, que se impartirá no Edificio de Novas Tecnoloxías e está organizada polo Concello. Trátase de 210 prazas totalmente gratuítas en 14 cursos dirixidos a públicos de todas as idades, que se desenvolverán dende o 21 de outubro ao 22 de decembro.

Na presentación, Rosana Rielo lembrou que “estes cursos permiten coñecer as vantaxes das novas tecnoloxías, mellorar as competencias dixitais e impulsar o desenvolvemento persoal no ámbito da tecnoloxía”. Ademais, animou a toda a cidadanía para que participe nestes cursos, que en edicións anteriores tiveron moita demanda.

Entre as distintas alternativas de accións formativas que ofrece o Concello atópanse facturación electrónica, iniciación ás redes sociais, deseño web, utilización do smartphone, trámites bancarios on-line, marketing dixital, comunícate on-line, posicionamento web, emprego do Whatsapp, creación de apps, internet segura, usar a tablet, introdución á programación e retoques fotográficos.

Inscricións

Para inscribirse nalgún destes cursos é necesario achegarse ao Edificio de Novas Tecnoloxías, aberto en horario de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados de 17:00 a 21:00 horas.

As persoas interesadas poderán inscribirse ata as 20:00 horas do día de peche da inscrición, anterior ao inicio do curso, data distinta para cada unha das accións. Os menores de idade deberán contar coa autorización dun titor legal. Cada persoa só se poderá inscribir en dous cursos. Só no caso de que queden prazas libres poderanse admitir a inscrición en máis de dous obradoiros. O acceso aos cursos será por sorteo, que se realizará ás 11:00 horas do día seguinte ao peche da inscrición. A lista de persoas admitidas poderase consultar en www.lugo.gal, no propio centro, ou a través do teléfono de atención cidadá 010. Será necesario asistir a un 80% das horas para pode recibir o diploma.

O programa e as bases de participación nestes cursos están dispoñibles na web municipal www.lugo.gal.

Curso da Asociación de Autónomas

A Asociación de Autónomas de Lugo desenvolverá no Edificio de Novas Tecnoloxías un curso de redes sociais os días 28 de outubro e 4 de novembro e dirixido ás súas socias.

Audio

Multimedia

  • O Concello ofrece 14 cursos gratuítos con máis de 200 prazas no Edificio de Novas Tecnoloxías
  • O Concello ofrece 14 cursos gratuítos con máis de 200 prazas no Edificio de Novas Tecnoloxías

Noticias relacionadas