Concello de Lugo e Deputación manteñen o seu apoio á Protectora e ofrecen dotala de material mentres non se constrúa a nova instalación

A alcaldesa e o presidente do ente provincial solicitaron á Asociación a relación dos equipamentos que precisan con maior urxencia, así como o seu custo para formalizar a colaboración.

Paula Alvarellos lembrou que, paralelamente a estas achegas económicas, a Administración local impulsa a construción dun novo refuxio con capacidade para acoller en torno a 200 animais en condicións óptimas de estancia.

José Tomé incidiu en que a institución provincial aportou á Protectora 200.000€ dende que é Presidente e tenlle cedido gratuitamente os terreos nos que están as instalacións, propiedade da asociación, ademais de ratificar o “compromiso de colaborar coa nova instalación pública para o refuxio dos animais que impulse o Concello de Lugo”.

Venres, 08 de marzo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Deputación, José Tomé, reafirmaron hoxe o compromiso dámbalas dúas Administracións por continuar apoiando o labor da Protectora á que lle reiteraron o ofrecemento de dotala de material mentres non se constrúan as novas instalacións.

A proposta, realizada xa o pasado mes de febreiro, pasaría porque a Asociación facilite a relación de equipamentos que se precisan con maior urxencia para atender as necesidades actuais así como o seu custo estimado co fin de poder formalizar a colaboración.

“O compromiso do Concello co benestar animal é máximo e así se demostra no feito de que as e os lucenses, a través da Institución local, levan achegado máis dun millón de euros nos últimos cinco anos para garantir a supervivencia desta prestación que, porén, é de ámbito supramunicipal, de aí o exceso de exemplares que acolle”, sinalou a rexedora.

Alvarellos Fondo lembrou que, de xeito paralelo á concesión destas axudas económicas, o Concello impulsou a construción dun novo refuxio que permitiría rehabilitar o vello matadoiro de Nadela, recuperando unha edificación en desuso, capacitada, polas súas dimensións, para acoller en torno a 200 animais en condicións óptimas de estancia.

“O proxecto, cuxa redacción trataremos de sacar a licitación nos vindeiros meses, é a solución máis viable e rápida para mellorar dun xeito definitivo o servizo, ao dispor xa do inmoble e dun anteproxecto previo. Iso non impide que, sendo conscientes de que agora mesmo fan falta máis recursos para cubrir toda a demanda existente, Concello e Deputación, na mesma liña de cooperación que viñemos demostrando até o momento, fagamos un esforzo máis para adquirir as canceiras ou os equipos que urxe incorporar á Protectora en prol do coidado dos animais”, engadiu a alcaldesa de Lugo.

Pola súa parte, o presidente da Deputación, José Tomé Roca, incidiu en que a institución aportou dende que el é mandatario provincial un total de 200.000€ para o funcionamento da Protectora, á que, ademais, lle ten cedido gratuitamente os terreos nos que están situadas as instalacións que albergan os animais. Unhas dependencias que son propiedade da propia Protectora.

Así mesmo, José Tomé ratificou o “compromiso de colaborar coa nova instalación pública para o refuxio dos animais que impulse o Concello de Lugo”, ademais de “contribuír xunto coa entidade local a dotar á Protectora daqueles elementos máis necesarios para o benestar animal”. O presidente indicou que “aínda non fomos informados desas necesidades por parte da asociación, que se comprometeu a comunicarlle ao Concello os equipamentos que precisan”.

Noticias relacionadas