A Alcaldía promove a formación dos servizos de emerxencia do Concello cun novo curso de rescate acuático para bombeiros

Lara Méndez mantivo un encontro cos integrantes do corpo que participaron durante as últimas dúas semanas nesta formación, coa que tamén obtiveron a licenza de navegación.

A alcaldesa incidiu na necesidade da formación continua, “como instrumento fundamental para garantir a eficacia e eficiencia en todas as actuacións”.

Mércores, 15 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldía promove a formación dos servizos de emerxencia do Concello cun novo curso de rescate acuático para bombeiros

A Alcaldía de Lugo continúa a promover a formación dos servizos de emerxencia do Concello con novos cursos dirixidos aos integrantes do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento municipal (SPEIS). A rexedora, Lara Méndez, mantivo un encontro cos bombeiros que durante as últimas dúas semanas participaron nas accións formativas: ‘Licencia de navegación’ e ‘Modulo de rescate en medio acuático’.

Méndez explicou que a formación continua “concíbese como unha ferramenta fundamental para garantir a eficiencia en todas as situacións de emerxencia”, engadindo que “é importante ter un corpo de bombeiros formado na nosa cidade porque significa máis seguridade para a veciñanza”.

“Durante os últimos anos incrementamos os recursos económicos destinados a mellorar as condicións de traballo, a seguridade e a capacidade de resposta do Servizo Municipal de Extinción de Incendios con novos vehículos, materiais ou equipos de protección así como en formación” lembrou a alcaldesa.

Os cursos celebrados estas semanas tiveron lugar, principalmente, na contorna do río Miño e nas instalacións do parque de bombeiros. O primeiro en poñerse en marcha foi o de ‘Licencia de navegación’ que permitiu aos participantes, case a totalidade da plantilla do corpo de bombeiros municipal, obter esta titulación que lles habilita para poder empregar e mobilizar embarcacións, co obxectivo de realizar rescates en augas fluviais.

A continuación, desenvolveuse o ‘Modulo de rescate en medio acuático’, de 16 horas de duración no que se abordaron técnicas de rescate acuático e autorescate. A formación, que en ambos casos combinou unha parte teórica e outra de tipo práctico, foi impartida pola escola galega de navegación Marevento, escola homologada que conta con profesionais con ampla experiencia no sector.

Pola súa banda, o sarxento xefe do servizo, Miguel López,  destacou que “o obxectivo principal desta formación foi dotar aos equipos de rescate duns coñecementos que lles permitan afrontar o desempeño das súas funcións en situacións de risco relacionadas co medio e a contorna acuática, tanto no medio natural como urbano (ríos, encoros, pantanos, inundacións etc.) en condicións suficientes de seguridade, tanto para eles mesmos como para terceiros”.

“Mediante a adquisición dunha serie de coñecementos, perséguese que no caso dun sinistro no que se atopen involucradas vítimas na auga ou nas súas proximidades, as actuacións levadas a cabo por parte dos bombeiros garantan en todo momento a integridade física dos devanditos axentes, así como a das vítimas e mesmo de terceiros involucrados”, concluíu.

Multimedia

  • A Alcaldía promove a formación dos servizos de emerxencia do Concello cun novo curso de rescate acuático para bombeiros

Noticias relacionadas