Paula Alvarellos: “A contribución das nosas investigadoras é indispensable para impulsar o progreso científico, tecnolóxico e social”

A alcaldesa fixo entrega este venres, 8M, dos galardóns Entre Mulleres a Rosa Romero, Esperanza Álvarez, Cintia Folgueira e Alba Díaz en recoñecemento a súa traxectoria.

“Hoxe temos o privilexio de recoñecer a mulleres brillantes e talentosas que lideran proxectos que contribúen de forma sustancial a transformar a nosa sociedade”, apuntou.

Alvarellos avogou por seguir traballando para eliminar as barreiras que aínda lastran ás mulleres na investigación: desde a falta de financiamiento equitativo ata a brecha de xénero en postos de liderado académico e empresarial.

Venres, 08 de marzo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos: “A contribución das nosas investigadoras é indispensable para impulsar o progreso científico, tecnolóxico e social”

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, fixo entrega este venres, 8M, Día Internacional da Muller Traballadora, dos galardóns Entre Mulleres, premio co que o Concello de Lugo quere visibilizar as achegas das mulleres lucenses en todos os eidos da nosa sociedade en prol da igualdade. As premiadas nesta XXI edición foron catro referentes no ámbito científico e investigador: Rosa Romero Franco, directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría;  Esperanza Álvarez Rodríguez, Catedrática de Universidade do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola; Cintia Folgueira Cobos, membro do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC); e Alba Díaz Geada, membro da Área de Historia Contemporánea da USC no Campus de Lugo.

Paula Alvarellos destacou durante a súa intervención que “nun mundo cada vez máis complexo e diverso, a contribución das nosas investigadoras é indispensable para impulsar o progreso científico, tecnolóxico e social, pero ademais, a súa traxectoria constitúe, en si mesma, o mellor exemplo de que, só a través da implicación de todos e todas, é posible acadar unha igualdade real e efectiva”.

“Historicamente, as mulleres enfrontaron numerosas barreiras no ámbito da investigación, desde a falta de acceso á educación superior ata a discriminación de xénero no lugar de traballo. E con todo, e a pesar destes obstáculos, profesionais como ás que hoxe recoñecemos aquí, demostran a diario unha capacidade excepcional para liderar investigacións e promover avances nunha ampla gama de disciplinas”, apuntou.

“Hoxe temos o privilexio de recoñecer a mulleres brillantes e talentosas que lideran proxectos que contribúen de forma sustancial a transformar a nosa sociedade. Desde a enxeñería ata a historia, pasando pola edafoloxía e a bioloxía; Rosa, Esperanza, Cintia e Alba non só están a enriquecer o noso coñecemento colectivo, senón que tamén inspiran a xeracións futuras de nenas e mozas lucenses a seguir os seus pasos”, subliñou a alcaldesa nun discurso cheo de referencias as científicas que abiron o camiño para as mulleres, como a galega Ángeles Alvariño, ou as históricas Hipatia de Alexandría, Laura Bassi ou Marie Curie.

A rexedora reivindicou que “é importante recoñecer e celebrar os logros das mulleres investigadoras, non só no Día Internacional da Muller, senón todos os días do ano. Por iso, todas as Adminsitracións debemos traballar da mán para eliminar as barreiras que aínda lastran ás mulleres na investigación, desde a falta de financiamiento equitativo ata a brecha de xénero en postos de liderado académico e empresarial”.

“Ao apoiar e promover a igualdade de xénero na investigación, non só estamos a fortalecer as nosas comunidades científicas, senón que estamos a construír unha sociedade máis xusta”, engadiu. Alvarellos finalizou a súa intervención dedicando unhas palabras de agarimo ás galadornadas. “Os seus logros son unha testemuña do seu talento, dedicación e perseveranza, e estou segura de que o seu legado continuará inspirando ás xeracións futuras a seguir explorando os límites do que é posible no eido da investigación”, dixo.

Así mesmo, a rexedora fíxolles entrega dunha insignia cunha gran carga identitaria para Lugo, para que teñan sempre presente que elas son un exemplo de que elas son Mulleres con forza, a marca feminista do Concello. “Sodes un referente pola vosa faceta profesional pero tamén como divulgadoras do coñecemento, profesoras e como defensoras da educación e da igualdade de xénero na ciencia. Agardamos que este galardón e o fermoso distintivo que o ocampaña vos faga ter sempre presente que formades parte e sodes “Mulleres con forza”.

Pola súa banda, a responsable de Cohesión Social, Ana González Abelleira, recordou a importancia da manter a unidade fronte as correntes reaccionariaspara impedir que os avances acadados en materia de igualdade sexan cuestionados. “A intolerancia e o negacionismo sempre suporán unha ameaza á nosa liberdade. Debemos afrontar esta realidade sen medo e cunha gran determinación”, sinalou  Abelleira antes de pór en valor o papel das premiadas e recordar a importancia dos referentes históricos da causa feminista.

Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre os galardóns Entre Mulleres | Descargar mp3
  • A edil de Cohesión Social, Ana González, sobre os galardóns Entre Mulleres | Descargar mp3

Multimedia

  • Paula Alvarellos: “A contribución das nosas investigadoras é indispensable para impulsar o progreso científico, tecnolóxico e social”
  • Paula Alvarellos: “A contribución das nosas investigadoras é indispensable para impulsar o progreso científico, tecnolóxico e social”

Noticias relacionadas