A concellería de Sostibilidade Urbana facilitará os martes atención técnica para consultar sobre o PXOM

Paula Alvarellos convida á cidadanía a empregar este servizo e advirte que a única información veraz e vinculante sobre o planeamento local é a que facilitan os/as técnicos municipais.

As persoas interesadas poderán concertar a súa cita no teléfono 982.29.73.17 e, posteriormente serán atendidos nas dependencias do Concello en horario de 9:30 a 11:30 horas.

Venres, 17 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Sostibilidade Urbana facilitará os martes atención técnica para consultar sobre o PXOM

A tenente de alcaldesa de Sostibilidade Urbana, Paula Alvarellos, informou hoxe de que, dende a vindeira semana, o Executivo de Lara Méndez porá a disposición un servizo de atención técnica destinado a resolver todas as dúbidas que a cidadanía teña con relación ao Plan Xeral de Ordenación Municipal que, dende hai unha semana, é efectivo na súa totalidade.

A concelleira convidou á poboación a empregar este servizo que se dispensará os martes, en horario de 9:30 a 11:30 horas.

“As persoas interesadas en realizar calquera consulta sobre o planeamento local poderán concertar previamente a súa cita a través do teléfono 982.29.73.17 e recibirán un asesoramento específico sobre aqueles aspectos do documento dos que precisan aclaración”, sinalou a edila.

Alvarellos Fondo referoi que, “deste xeito, a veciñanza recibirá respostas individualizadas ás problemáticas que plantexen e advertiu, ademais, que as e os técnicos municipais son os únicos profesionais habilitados para trasladar unha información veraz e vinculante sobre o PXOM”.

“O único interlocutor válido e o único organismo competente, dende un punto de vista legal, para facilitar información urbanística é o Concello, en cumprimento do principio de publicidade dos Plans Xerais, a través da expedición dos correspondentes certificados urbanísticos”, sinalou. “Polo que a Administración local se desvincula de calquera outro asesoramento que a poboación poida estar recibindo de maneira oficiosa”, zanxou.

A responsable de Urbanismo incidiu nos perigos de que particulares e/ou colectivos canalicen as súas consultas por outras fontes diferentes que non sexa o persoal municipal cualificado do Concello, “que coñece pormenorizadamente o contido do Plan”, xa que “calquera outra transmisión do seu contido, de non ser exacto e fidedigno, pode propiciar equívocos ou interpretacións erróneas que dilatarán ou entorpecerán a posterior tramitación de calquera licenza ou título habilitante de natureza municipal”, sostivo Paula Alvarellos.

Antes de rematar a concelleira explicou que nos últimos días foron moitas as consultas atendidas ao respecto do PXOM, das que “o 90% se resolveu de xeito inmediato a través de indicacións que se comunican directamente vía teléfonica, no mesmo momento da chamada, pero para aqueles casos máis complexos nos que esta alternativa non sexa resolutiva, o persoal municipal se reunirá persoalmente con quen así o solicite para ofrecer unha atención individualizada e pormenorizada”, concluíu a tenente de alcaldesa.

Multimedia

  • A concellería de Sostibilidade Urbana facilitará os martes atención técnica para consultar sobre o PXOM

Noticias relacionadas