O Centro de Novas Tecnoloxías cambia de horario para conciliar o uso público co asociativo e o municipal

As instalacións municipais adiantarán unha hora a súa apertura á cidadanía, dende as 09:00 ata as 14:00 horas; mentres que pola tarde quedará a disposición do tecido social e para formación interna do funcionariado.

Mércores, 31 de xaneiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Executivo municipal anunciou este mércores o cambio do horario do Centro de Novas Tecnoloxías, situado na Praza Anxo Fernández Gómez, contiguo á Casa Consistorial. Así, dende mañá, xoves 1 de febreiro, as instalacións adiantarán unha hora a súa apertura, dende as 09:00 horas da mañá e ata as 14:00 horas do mediodía. Pola tarde, o seu uso reservarase á realización de actividades municipais, formación dos funcionarios e persoal da administración local, ou ben para a súa cesión ao sector asociativo lucense cando así o soliciten.

O centro conta cunha biblioteca especializada en TIC, aula para formación, espazo para uso de dispositivos electrónicos propios, área de navegación e sala multiusos equipada para videoconferencias e bucle magnético para persoas con deficiencia auditiva. O equipamento informático co que conta son: 36 ordenadores, 3 impresoras, dous televisores, dous soportes para televisor e seis licenzas de programas e software informáticos.

Noticias relacionadas