A renovación do alumeado do Parque de Rosalía, máis eficiente e con perspectiva de xénero, entrará en funcionamento este outono

A intervención, enmarcada na estratexia Muramiñae, persegue aumentar a eficiencia das instalacións e a seguridade cidadá e diminuír os consumos e a contaminación ambiental.

A rexedora, Lara Méndez, lembrou que “o proxecto servirá, así mesmo, para poñer en valor puntos singulares do recinto considerado contorna de protección patrimonial”.

“Xa se levou a cabo a substitución de todas as luminarias existentes por outras led, o pintado de farolas, así como a instalación de novos puntos de luz”, explicou Méndez.

Mércores, 08 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A renovación do alumeado do Parque de Rosalía, máis eficiente e con perspectiva de xénero, entrará en funcionamento este outono

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, supervisou o avance dos traballos de ampliación e mellora da iluminación do Parque Rosalía de Castro, que permitirán aumentar a eficiencia das instalacións e a seguridade cidadá, ao tempo que se diminúen os consumos e a contaminación ambiental. A actuación, enmarcada na extratexia DUSI Muramiñae, cofinanciada ao 80% polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional, supón un investimento de 162.000 euros.

“Actualmente xa se levou a cabo a substitución de todas as luminarias existentes por outras led, o pintado de farolas, a instalación de novos puntos de luz onde antes había zonas escuras e dos cadros de instalación eléctrica; deste xeito, os traballos están moi avanzados e prevese que poidan quedar listos a finais deste mes”, explicou a rexedora.

“Con esta intervención queremos avanzar na conservación e coidado deste enclave único da cidade”, lembrou Méndez, quen subliñou que “os traballos incluiron a actualización de luminarias, canalizacións, centros de mando e demais compoñentes”.  Así, o obxectivo é incrementar a eficiencia enerxética da iluminación pública nos espazos que dan servizo entre outras localizacións á pista de patinaxe, á caseta de xardinería, ao mapa, ao estanque e tamén nas propias Costas do Parque.

Dentro da estratexia levada a cabo polo Goberno local para mellorar a eficiencia enerxética que permita, ademais, reducir o gasto do subministro eléctrico, o executivo aposta nesta intervención por luminarias dotadas con tecnoloxía LED, que necesitan menos da metade de potencia que as actuais para producir o mesmo fluxo luminoso. “Isto permitiranos acadar un mellor rendemento da instalación, aumentando a súa eficiencia pero tamén a calidade medio ambiental, así como a seguridade viaria e cidadá mentres que reducimos o consumo eléctrico e a contaminación que este orixina, diminuímos as emisións de dióxido de carbono e tamén os custos de mantemento que, polo tanto, será máis sinxelo”, subliñou a alcaldesa.

O seguinte paso será implantar en cada un dos centros de mando unha plataforma de xestión intelixente co fin de monitorizar o consumo de enerxía, medindo factores como voltaxe en cada fase, intensidade, frecuencia eléctrica, potencia ou enerxía activa e reactiva acumulada, detección de conexións ilícitas ou problemas de subministración. Datos que serán enviados á plataforma de xestión municipal para analizar o seu funcionamento e como información relevante na posterior toma de decisións en prol do aforro.

Entre as finalidades desta intervención está poñer en valor emprazamentos singulares do Parque, considerado unha contorna de protección patrimonial, de xeito que conviden ao uso cidadán do espazo público e revertan directamente nunha maior seguridade dende a perspectiva de xénero, xa que se colocarán tamén novos puntos de reforzo para evitar zonas consideradas escuras.

As localizacións actuais respectaranse de forma que, tras a limpeza das columnas e brazos existentes, cun alto valor decorativo e que se conservarán, levarase a cabo a súa restauración correspondente, substituíndo a tecnoloxía de iluminación antiga por outra máis moderna e eficiente. Así mesmo, na parte inferior das Costas do parque, na confluencia coa zona de aparcadoiro de caravanas e o Pazo Municipal dos Deportes, retiraranse as luminarias tipo viario sobre postes de madeira e instalaranse novas columnas e puntos de luz acordes ao resto da contorna.

Traballos coordinados para evitar a falta de alumeado en horario nocturno

Tanto os labores de subministración como de colocación dos novos equipos realizarase de forma coordinada coa retirada das instalacións existentes, de forma que atenda a zonas completas en período diúrno ao obxecto de non deixar a instalación sen funcionar en período nocturno en ningún momento. Igualmente, co fin de evitar actos vandálicos nos centros de mando, estes irán protexidos fronte á manipulación de persoas alleas.

Noticias relacionadas