Resumo das intervencións da Policía Local durante a ponte da Constitución

Detención dun condutor por delito de atentado a axentes da autoridade e delito contra a seguridade viaria

Luns, 09 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Efectivos da Unidade de Atestados e do Grupo Operativo Nocturno da Unidade de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, procederon á detención dun home como autor dun delito de atentado a axentes da autoridade e outro contra a seguridade viaria. Os feitos sucederon sobre as 22:15 horas do día 6, cando os axentes acoden á rúa Yañez Rebolo xa que se produciu un accidente de circulación. Á chegada observan como o condutor dun Audi báixase agresivo e moi nervioso e comeza a gritar aos outros condutores e, ao decatarse da presenza dos axentes, foxe do lugar.

Os policías intercéptano en Pintor Villamil, momento no que, sen mediar palabra, propina unha puñada a un dos axentes que pode esquivala, dando patadas ao outro policía que acudía ao lugar. O individuo é inmediatamente detido e conducido a dependencias policiais onde se lle practican as probas de alcoholemia arroxando un resultado POSITIVO de 1,05 mg/l (máis de catro veces a taxa permitida). Durante o traxecto no vehículo policial propínase a si mesmo varias cabezadas contra o biombo de protección do coche patrulla, polo que é conducido a un centro médico onde se reflicten leves lesións. O vehículo foi retirado polo guindastre ao Depósito e o detido queda nos calabozos ata a súa posta ao dispor da Autoridade Xudicial.

A Policía Local de Lugo quere agradecer ás persoas que presenciaron estes feitos que, aínda non sendo necesaria a súa intervención, puxéronse ao dispor dos axentes para colaborar con eles debido á agresividade que presentaba o detido.

Auxilio por intento de suicidio

Sobre as 14:10 horas do día 6 unha patrulla pertencente á Unidade Territorial da Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acode a unha vivenda da cidade co fin de auxiliar a unha muller, que segundo un familiar, pretendía quitarse a vida tomando altas doses de pastillas. A patrulla se persoa no lugar en compañía dunha unidade do 061, composta por facultativos médicos e unha psicóloga, tranquilizando a situación e adoptando as medidas necesarias para garantir a saúde da persoa.

Auxilio a cidadáns

Ás 3:40 horas do día 7 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Unidade de Policía de Barrio acode a unha vivenda para auxiliar a unha muller de avanzada idade xa que o seu marido era incapaz de levantala do chan, polo exceso de peso. Os axentes incorpórana e déitana na cama novamente, non sendo necesaria asistencia médica.

Ademais, efectivos da U.T. de Policía de Barrio auxilian, sobre as 15:10 horas do día 8 de decembro, a unha muller que se achaba tirada na Avenida da Coruña, presuntamente como consecuencia do estado de embriaguez no que se atopaba. Os axentes requiren a presenza dunha ambulancia xa que presentaba un estado severo de nerviosismo, tendo que ser inmobilizada na padiola para o seu traslado seguro ao HULA.

Auxíliase sobre as 17:50 horas do mesmo día a unha persoa que caera da cadeira de rodas, na rúa Reiseñor, e era incapaz de volver sentar. Os axentes axúdanlle a sentar novamente na cadeira, non necesitando asistencia médica.

Intervención de armas brancas

O sábado, 7 de decembro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio cando se procedía a retirar co guindastre un vehículo que obstaculizaba a circulación en carril das Flores, comproba que ten todas as portas abertas observándose desde o exterior, debaixo dun dos asentos, un machada e un puñal, sendo intervidos mediante acta ao amparo da Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, para a súa remisión á Intervención de Armas da Garda Civil de Lugo.

Recuperación dunha bicicleta presuntamente subtraída

Efectivos da U.T. de Policía de Barrio achan nunha leira que existe entre o parque da Milagrosa e o centro comercial de As Termas unha bicicleta, posiblemente subtraída a un neno que xogaba no devandito parque.

Molestias por ruídos en vivendas

Unha patrulla da U.T. de Policía de Barrio acode, na madrugada do 7 ao 8 de decembro, a unha vivenda de Miguel de Cervantes levantando acta por ruídos molestos ao acharse celebrando nun dos pisos uns aniversarios. A mesma noite os axentes acoden a unha vivenda de Aquilino Iglesias Alvariño levantando acta por molestias xeradas polos ladridos dun can no interior dun dos pisos.

Filtros de seguridade viaria

Nos diferentes filtros de seguridade viaria efectuados durante as noites desta fin de semana, sorprendeuse a un condutor que conducía un vehículo de motor cunha taxa de alcol de 0,98 mg/l (cuadriplicaba a taxa regulamentaria), motivo polo cal se instrúen dilixencias na modalidade de Xuízo Rápido por un delito contra a seguridade viaria. O vehículo foi retirado polo guindastre para o Depósito Municipal onde queda inmobilizado.

Control de establecementos públicos.

Realizouse inspección a un establecemento de Camiño Real levantándose actas de infracción por exceder, no exercicio da súa actividade, do límite horario establecido e por reproducir música audible desde o exterior.

Accidentes de Circulación

A Unidade de Atestados do Corpo da Policía Local interveu, durante esta ponte en 9 accidentes de circulación no centro urbano. O día 6, rexistráronse dous. O primeiro ás 14:35 horas, na Avenida da Coruña no que interveñen un turismo e unha motocicleta, resultando ferida a condutora da mesma e o segundo, ás 15:20 horas na Rolda de Fontiñas cando a condutora dun vehículo estacionado abre a porta dianteira para descender e non se decata da presenza dun turismo que se aproximaba, provocándolle danos materiais.

Xa o día 7, tiveron lugar 6 sinistros. Un, ás 6:25 horas, na confluencia das rúas San Roque/Pena do Rei e Mariña Española no que interveñen tres vehículos (un deles estacionado), resultando ademais de danos materiais, ferido leve dous condutores. Outro ás 11:35 horas, na intersección das rúas Agricultura e Vidro, estando implicados dous vehículos, resultando danos materiais. Un terceiro ás 16:50 horas na Glorieta Vítimas do Terrorismo no que interveñen dous vehículos, resultando ambos con danos materiais. Logo ás 22:00 horas rexistrouse o atropelo dun xabaril en Rolda Norte, con resultado de danos materiais. Ás 23:55 horas, como consecuencia dun accidente na rúa Miguel de Cervantes, procédese a someter ao condutor dun turismo ás probas de detección alcohólica arroxando un resultado POSITIVO de 1,10 mg/l (case cinco veces máis do permitido), polo que se instrúen dilixencias na modalidade de Xuízo Rápido por un delito contra a seguridade viaria. E, finalmente, ás 00:50 horas, na Avenida das Fontiñas rexistrouse outro accidente no que interviron dous vehículos con danos materiais.

Ademais, este domingo, 8 de decembro, produciuse outro sinistro na rúa Portiño entre dous vehículos, tamén con danos materiais.

Noticias relacionadas