O Concello denuncia a vandalización dun magnolio recentemente plantado na Praza do Ferrol e pide respecto aos espazos públicos

O edil de Transición Ecolóxica condenou este acto sucedido na madrugada do mércores e pediu civismo á veciñanza. A árbore, que foi cortada, será reposta nos vindeiros días.

Miguel Fernández apuntou que xa se plantaron 11 magnolios e nas vindeiras datas plantaranse 8 bidueiros, no marco do proceso de renaturalización desta praza.

Así mesmo, estanse acondicionando tres parterres con céspede e distintas especies herbáceas decorativas e de porte pequeno.

Venres, 05 de abril de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello denuncia a vandalización dun magnolio recentemente plantado na Praza do Ferrol e pide respecto aos espazos públicos

O concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, denunciou este venres a vandalización dun magnolio recentemente plantado no entorno da Praza do Ferrol, no marco das obras de peonalización e renaturalización deste espazo do Centro Histórico. Fernández condenou este acto sucedido na madrugada do mércores ao xoves e pediu á cidadanía respecto aos espazos públicos e civismo pois “o custo do vandalismo pagámolo entre todos, Lugo é a nosa cidade e debemos contribuír a coidar dela e non a estragala”, apuntou.

A árbore, que foi cortada, desaparecendo a parte superior e a copa, será reposta nos vindeiros días, según explicou o edil. Fernández apuntou que dentro deste proceso de renaturalización xa se levou a cabo a plantación de 11 magnolios –un a maiores dos previstos para substituír unha robinia que rompeu por mor dun temporal– no fondo da Praza do Ferrol, xunto ao centro médico, e en San Fernando, xunto á igrexa. Ademais, avanzou que “nas vindeiras datas levarase a cabo a plantación de 8 bidueiros e tamén se están acondicionando tres parterres con céspede e distintas especies herbáceas decorativas e de porte pequeno”.

O responsable de Transición Ecolóxica insistiu en apelar “á concienciación cidadá para evitar que no futuro se repitan situacións desta índole” e pediu colaboración “para detectar e evitar actos vandálicos”.

Multimedia

  • O Concello denuncia a vandalización dun magnolio recentemente plantado na Praza do Ferrol e pide respecto aos espazos públicos

Noticias relacionadas