O Executivo de Lara Méndez apoia ás entidades deportivas locais coa concesión de 321.000 euros en achegas municipais

A Xunta de Goberno Local aprobaba hoxe as bases da convocatoria á que se poderá concorrer durante 15 días trala súa publicación no BOP.

O edil Mauricio Repetto convidou aos clubs e colectivos sen ánimo de lucro que traballan no fomento da actividade física a solicitalas.

Mércores, 13 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez apoia ás entidades deportivas locais coa concesión de 321.000 euros en achegas municipais

O Executivo de Lara Méndez, a través da concellería de Deportes, sufragará este ano con 321.000 € euros o fomento da actividade física.

A Xunta de Goberno Local aprobaba, durante a sesión celebrada esta mañá, as bases reguladoras dunha nova convocatoria de subvencións dirixidas ás entidades sen ánimo de lucro que traballan neste eido no municipio de Lugo.

O edil Mauricio Repetto, indicou que “estas achegas, ás que se poderá concorrer durante os 15 días seguintes á súa publicación no BOP, teñen como principal obxectivo a promoción e impulso da práctica deportiva na cidade ao tempo que se constitúen como unha fonte de recursos primordial para moitos dos clubs e asociacións que operan neste ámbito, posibilitando, así, a continuidade do seu labor”.

Repetto Morban convidou ao tecido deportivo da cidade a participar no proceso e solicitar estas axudas nas que se terán en conta criterios como o número de licenzas federativas das que dispuxese na tempada, así como o número das licenzas femininas e de persoas con discapacidade, o número de equipos participantes en Ligas Nacionais, Galegas e Provinciais, a cantidade de deportistas que, a nivel individual, acoden a Campionatos de España, Autonómicos e Provinciais e mesmo o nivel territorial que teñan os eventos que organizan e a súa consolidación temporal, etc.

“Para a Institución local resulta fundamental o traballo que desenvolven estes colectivos de aí, que ano tras ano, tamén se reitere o compromiso de cooperación que mantemos con eles. Unha man tendida que, neste momento de recuperación, adquire se cabe unha maior dimensión para contribuír, con este esforzo conxunto, a proxectar o talento local”, subliñou o responsable de Deportes ao tempo que lembrou que estas achegas se enmarcan no Plan Estratéxico de Subvencións, aprobado polo Concello ao inicio do mandato, como ferramenta indispensable para promover e potenciar a participación da sociedade civil na xestión municipal.

Noticias relacionadas