O Concello de Lugo porá en marcha un dispositivo especial de seguridade con motivo da celebración do Nacional de Motocrós

A rexedora informou que se reforzará a vixilancia para o correcto desenvolvemento da proba, garantindo a seguridade tanto dos participantes, como dos espectadores.

O Servizo de Bombeiros contará cunha dotación in situ no recinto, con vehículo autobomba, e Protección Civil mobilizará a un equipo cada día de entre 7 e 8 voluntarios.

A Policía Local organizará un dispositivo especial de vixilancia coa presenza de, cando menos, tres patrullas durante as noites, en previsión dunha elevada afluencia de persoas.

O circuíto municipal Jorge Prado albergará, por segundo ano consecutivo, esta proba na que participarán os mellores pilotos nacionais e unha boa representación internacional.

Xoves, 22 de febreiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo porá en marcha un dispositivo especial de seguridade con motivo da celebración do Nacional de Motocrós

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiron este xoves a Xunta Local de Seguridade con motivo da celebración este fin de semana do Campionato Nacional de Motocrós. Na reunión tamén participaron o edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos; a delegada territorial en funcións da Xunta, Marta Barreiro; así como representantes da organización, Xefatura Provincial de Tráfico, Subsector de Tráfico da Garda Civil, SPEIS, Policía Local e Protección Civil.

A rexedora informou que durante os dous días de competición se reforzará a vixilancia para o correcto desenvolvemento da proba, garantindo deste xeito a seguridade tanto dos participantes, como dos espectadores. “Deste xeito, o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento municipal mobilizará un vehículo autobomba cunha dotación de catro bombeiros que estarán in situ no circuíto tanto o sábado como o domingo”, explicou Alvarellos.

“Así mesmo, dende o Servizo de Protección Civil tamén se mobilizará a un equipo cada día composto por entre 7 e 8 voluntarios, que contarán cunha carpa propia no recinto e posto de mando”, engadiu. “Finalmente,  dende a Policía Local porán en marcha un dipositivo especial de vixilancia, especialmente, en horario nocturno nas rúas da cidade, coa presenza de cando menos tres patrullas cada noite, en previsión dunha elevada afluencia de persoas, moitas delas afeccionados chegados de fóra do municipio”, explicou.

Alvarellos destacou, por último, a colaboración entre as administracións e os diferentes corpos de seguridade implicados: Policía Nacional, Garda Civil, SPEIS, Policía Local e Protección civil para garantir o correcto desenvolvemento deste evento.

O Circuíto municipal Jorge Prado volverá a ser, por segundo ano consecutivo, sede do Campionato de España de Motocrós na súa categoría elite os vindeiros días 24 e 25, xusto dúas semanas antes do comezo do Mundial en Arxentina.

A gran cita galega será a segunda da tempada e constará de competicións nas tres clases superiores do campionato, MX1, MX2 e 125 c.c. Do mesmo xeito que o ano pasado estarán na grella os mellores pilotos nacionais e unha boa representación internacional, nun último exame antes de arrincar o Mundial.

Está será a única carreira de pretempada na que participe Prado, unha vez concluída a súa experiencia americana no supercrós. O evento no circuíto lucense servirá para homenaxear o título mundial  e animalo ante o  reto do Mundial, no que lucirá o número 1 sobre a súa Gas Gas.

Multimedia

  • O Concello de Lugo porá en marcha un dispositivo especial de seguridade con motivo da celebración do Nacional de Motocrós

Noticias relacionadas