Lara Méndez copreside a Xunta Local de Seguridade con motivo da celebración das festas patronais do San Froilán 2022

A alcaldesa e a Subdelegada do Goberno reuníronse esta mañá con responsables da Policía Local, Nacional, Garda Civil, Bombeiros, Emerxencias e Protección Civil.

A Policía Local reforzará todos os turnos, especialmente durante os festivos e as fins de semana, concentrando até tres patrullas dentro do recinto feiral.

A Nacional contará nos momentos nos que se prevé máis afluencia de persoas, ademais dos efectivos da Comisaría de Lugo, con reforzos da Policía Autonómica.

Venres, 30 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez copreside a Xunta Local de Seguridade con motivo da celebración das festas patronais do San Froilán 2022

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiron este venres no Salón de  Plenos do Concello a Xunta Local de Seguridade con motivo da celebración do San Froilán, na que se abordou o dispositivo especial de vixilancia durante as festas patronais da cidade, que terán lugar do 4 ao 12 de outubro. No encontro participaron a concelleira de Cultura, Tareixa Ferreiro, así como responsables da Policía Nacional, da Policía Local, do Subsector de Tráfico da Garda Civil, do Corpo de Bombeiros, de Emerxencias e do servizo de Protección municipal.

Lara Méndez destacou “a importancia da colaboración entre os distintos Corpos para asegurar o correcto desenvolvemento das celebracións patronais”. Neste senso explicou que “Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil, Bombeiros e Protección Civil coordinarán esforzos para desenvolver un operativo organizado e eficaz que permita realizar un control exhaustivo sobre as actividades programadas e velar pola seguridade de todas e todos os cidadáns”.

A alcaldesa avanzou que a Policía Local reforzará todos os turnos, especialmente durante os festivos e as fins de semana, concentrando até tres patrullas dentro do recinto feiral para extremar a vixilancia. “Un cometido ao que se sumará outra patrulla máis, dedicada a dirixir o tráfico e regular a circulación na contorna da Muralla en prol da seguridade vial, así como de unha a tres patrullas na zona centro, en función da afluencia de persoas, e entre tres e catro patrullas no servizo de seguridade cidadá”. Tamén se levarán a cabo medicións acústicas no recinto feiral.

Pola súa parte, Isabel Rodríguez avanzou que “as forzas e corpos de seguridade do Estado colaborarán estreitamente cos medios e servizos do Concello de Lugo para que as actividades previstas con motivo das festas patronais de Lugo se desenvolvan coas máximas garantías de seguridade”. Concretamente, haberá dispositivos da Policía Nacional, Garda Civil e o Subsector de Tráfico, tanto con patrullas nas rúas como controis nos accesos á cidade.

Así, a Policía Nacional contará nos momentos nos que se prevé máis afluencia de persoas, ademais dos efectivos da Comisaría de Lugo, con reforzos da unidade da Policía Autonómica. A Garda Civil, pola súa parte, realizará controis nos accesos á cidade e o Subsector de Tráfico ten previsto facer verificacións que serán breves e numerosas.

Noticias relacionadas