Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Martes, 04 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Camada de gatos atrapada en patio interior

 Durante a tarde do día 3 de agosto recibiuse comunicación, na Sala do 092, sobre unha camada de gatos atrapada no patio interior dunha vivenda da Rolda da Muralla. Unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio comproba a veracidade dos feitos, contactando coa Protectora de Animais para poder coordinar a actuación necesaria para a retirada dos animais do lugar e asegurar o seu benestar.

Individuo sorprendido subtraendo o espello retrovisor dun turismo

 Ás 20’45 horas do día 3 de agosto, os membros dunha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio, cando prestaban servizo pola rúa  Montirón, observan a presenza dun individuo en actitude sospeitosa á beira dun vehículo estacionado, motivo polo cal se aproximan a el. No momento de decatarse da presenza policial, o suxeito tenta ausentarse do lugar, introducíndose nun canellón próximo, observando os axentes que se desfai dun obxecto. Os policías logran darlle alcance e comproban que o obxecto que portaba e do que trataba de desfacerse era un dos espellos retrovisores do automóbil estacionado a cuxo lado o viron inicialmente, o cal desmontara da súa ancoraxe.

Devandito individuo, un home de 20 anos de idade, foi trasladado a dependencias policiais a efectos de identificación, xa que se atopaba indocumentado, e para a instrución das dilixencias xudiciais oportunas.

 Viandantes sen facer uso da máscara

 Durante un filtro establecido para comprobar o cumprimento das medidas establecidas para a prevención do contaxio do Covid-19, axentes do Grupo Operativo Nocturno procederon a denunciar a tres persoas, entre as 23’00 e as 23’30 horas do día 4 de agosto:

 A primeira delas foi interceptada na confluencia da  Avd. da Coruña con Curros Enríquez. Nin cara a uso da máscara obrigatoria nin a portaba consigo.

As outras dúas foron denunciadas en  Camiño Real, ningunha das dúas facía uso da máscara, a pesar de que unha delas si a portaba encima.

Intervención policial con motivo dunha pelexa en vía pública

Ás 3’15 horas do día 5 de agosto recíbese información, na Sala do 092, sobre unha pelexa multitudinaria que se está producindo na rúa Salvador de Madariaga, polo que todas as dotacións dispoñibles do Grupo Operativo Nocturno, apoiadas pola Unidade de Atestados, diríxense ao lugar, onde, a pesar de que a pelexa xa finalizou, proceden á identificación de varias persoas, ningunha das cales precisa asistencia médica nin desexa presentar ningún tipo de denuncia.

Durante as indagacións practicadas, os axentes logran pescudar que a liorta se había iniciado no interior dun dos locais próximo, ao cal se dirixen para deixar a zona completamente asegurada, comprobando que nese momento atópase pechado ao público e varias persoas proceden á súa limpeza, constatando que unha delas non acredita ningunha relación laboral co establecemento, polo que se dá coñecemento á Inspección de Traballo, para a elaboración do oportuno expediente.

Auxilio a persoa caída no interior de domicilio

 Durante a noite do día 3 ao 4 de agosto, axentes do Grupo Operativo Nocturno auxiliaron a unha anciá, de 87 anos de idade, que se caeu no interior do domicilio. Tras recibir o requirimento na Sala do 092 compareceron no domicilio da muller, na rúa Otero Besteiro, sendo recibidos pola filla da mesma, a cal era incapaz de poder levantar á súa nai, polo cal, tras comprobar que declinaba recibir asistencia médica, procederon ao auxilio requirido.

Presuntos delitos contra a seguridade viaria

 No marco dos  filtros de seguridade viaria que este corpo policial realiza con asiduidade, sendo as 4’00 horas do día 4 de agosto, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno observa como un turismo circula pola Praza de Augas Férreas marcha atrás, atravesando varias confluencias, motivo polo cal proceden a deter a súa marcha. Unha vez en contacto co condutor, un home de 26 anos de idade, decátanse de que presenta signos externos de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, motivo polo cal, por parte dos membros da Unidade de Atestados, é sometido ás preceptivas probas de impregnación alcohólica, nas que arroxa senllos resultados positivos de 0’83 e 0’79 miligramos de alcol por litro de aire expirado, motivo polo cal se instrúen as correspondentes dilixencias xudiciais, para xuízo rápido, por un presunto delito contra a seguridade viaria, por conducir un vehículo de motor baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

 Sendo as 4’30 horas do mesmo día, outra patrulla policial procede a dar o alto a un turismo que circula por Rúa dás Artes, comprobando que a súa condutora, unha muller de 35 anos de idade, presenta signos externos claros de acharse baixo a influencia do alcol, motivo polo cal solicitan a intervención da Unidade de Atestados, cuxos compoñentes proceden a realizar as preceptivas probas para a comprobación do grao de impregnación alcohólica, nas que arroxa dous resultados positivos de 0’87 e 0’79 mg/ L, motivo polo cal se instrúen dilixencias xudiciais para xuízo rápido.

 Ademais, durante a intervención, os axentes puideron comprobar que a muller carecía de permiso de conducir, xa que a mesma perdera a súa vixencia pola perda total de puntos, polo que tamén está a ser investigada, ademais de por conducir baixo a influencia do alcol, por outro presunto delito contra a seguridade viaria, por conducir un vehículo de motor carecendo da autorización administrativa correspondente.

Ambos os vehículos foron inmobilizado no lugar dos feitos, a non haber ningunha persoa que se puidese facer cargo dos mesmos.

Noticias relacionadas