Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Servizos destacados da fin de semana do 26 ao 28 de febreiro

Luns, 01 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Delito contra a seguridade viaria

Na mañá do día 27 de febreiro de 2021, un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á Estrada de Santiago xa que se produciu un accidente de circulación no que estaban implicados tres vehículos, con resultado de danos materiais e un condutor ferido.

Este condutor, nas probas de detección alcohólica ás que foi sometido no etilómetro de mostraxe, lanzou un resultado POSITIVO de 1,29 mg/l (a taxa de alcol máis alta no que vai de ano ao representar máis de CINCO veces a taxa máxima establecida), non sendo posible efectuar as probas nun equipo de precisión debido ao seu traslado ao Hula.

Ante tal situación o instrutor do Atestado solicitou mandamento xudicial para analítica de sangue extraído con fins terapéuticos.

Control normas COVID-19

Durante a fin de semana indicada, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo estableceron diferentes dispositivos para o control do cumprimento da normativa da Xunta de Galicia, sobre as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, levantándose 26 actas de denuncia por incumprimentos á Lei de Saúde de Galicia:

  • 10 actas de denuncia por transitar entre as 22:00 e as 6:00 horas, sen causa xustificada. Proponse sanción de 500 euros.
  • 6 actas de denuncia por non facer uso da máscara. Proponse sanción de 100 euros.
  • 5 actas de denuncia por incumprir as condicións para grupos, detectando non conviventes.
  • 4 actas de denuncia pola práctica de “botellón” en espazos públicos.
  • 1 acta de denuncia por incumprir a normativa sobre aforo en local de hostalaría.

Así mesmo realizáronse 32 inspeccións a establecementos de hostalaría para comprobar o cumprimento da nova normativa establecida no “Plan de hostalería Segura” da Xunta de Galicia.

Detención por agresión en vía pública

Sobre as 21:00 horas do día 25 de febreiro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, acode á rúa Bispo Aguirre xa que, segundo chamadas recibidas na Sala do 092, está a producirse unha pelexa. Os axentes comproban que a liorta se produce entre tres individuos, observando que un deles sangra abundantemente pola boca, presentando un corte inciso no nariz, podendo estar fracturada, manifestando que outro dos integrantes do grupo déralle unhas puñadas, golpeándoo cunha muleta e ameazábao cunha navalla.

Os axentes proceden ao rexistro deste individuo, localizando unha navalla de 8 cm de folla escondida no interior do seu paraugas, que se atopaba no chan á beira da muleta, a cal presentaba restos de sangue, recoñecendo esta persoa que é da súa propiedade.

O ferido foi trasladado ao Hula por unha ambulancia do 061 e o autor dos feitos foi detido e trasladado a dependencias policiais onde se instrúen as oportunas dilixencias para o Xulgado de Garda.

Noticias relacionadas