Aviso dos cortes de tráfico previstos para o venres 5 de xaneiro pola celebración da Cabalgata de Reis

Venres, 29 de decembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Tal e como avanzou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, en días pasados, a Cabalgata de Reis ampliará este ano o seu percorrido para adaptar o itinerario ás obras de peonalización do Centro Histórico de xeito que, en lugar de entar ao recinto amurallado pola Porta de San Fernando, continuará pola Rolda ata a entrada da rúa Vilalba e accederá á Praza Maior a través de Bispo Aguirre.

Data e Horario: Venres, 5 de xaneiro, de 17:30 a 20:00 horas.

ITINERARIO: Rúa Monte Faro; Avda. da Coruña; Rolda Muralla; Rúa Bispo Aguirre e Praza Maior.

Debido á súa celebración, dende o Concello de Lugo e a Policía Local se dá traslado de que o tráfico da cidade se verá afectado tanto nas rúas que percorra a Comitiva como tamén nas vías adxacentes e, especialmente, no Centro Histórico.

ZONA DO PERCORRIDO

Deste xeito, ponse en coñecemento de toda a cídadanía que, como viña sendo habitual, nas rúas polas que transcorra a Cabalgata, o tráfico estará parado o tempo que tarde en pasar a mesma, restablecéndose a continuación.

Iso sucederá especialmente en todas as vías que desemboquen á Avda. da Coruña e na Rolda da Muralla dende a Porta de San Fernando ata a Rúa Vilalba.

CENTRO HISTÓRICO

Polo que respecta á entrada e saída a circulación rodada dentro do Centro Histórico, a circulación de vehículos verase afectada non só polo paso da devandita comitiva senón tamén debido ao plan especial de tráfico que se está realizando polas obras enmarcadas na estratexia Corazón Verde.

Por iso, dende o Concello e a Policía Local se recomenda de maneira encarecida que durante a tarde do dia 5 de xaneiro, unicamente accedan ao recinto amurallado aqueles condutores e condutoras que dispoñen de garaxe ou cuxo acceso á zona resulte imprescindible.

Así mesmo, infórmase de que haberá momentos de circulación parada de xeito que o tráfico de saída pola Rúa Nova estará parado durante o paso da Cabalgata por dito tramo da Rolda da Muralla.

Temporalmente e coa finalidade de non colapsar o Centro, limitarase o acceso ao mesmo dende a Porta de Bispo Odoario e dende a Porta da Rúa Teatro, permitíndose o paso exclusivamente aos vehículos autorizados.

Noticias relacionadas