A Xunta de Goberno aproba o proxecto de ordenanzas para o 2017

“Trátase da proposta do Goberno, basada en dous piares, favorecer á cidadanía con menos recursos, perseguindo unha fiscalidade xusta e progresiva, e garantir a estabilidade orzamentaria”, subliñou o voceiro municipal

Figuran modificacións en 23 ordenanzas, 19 fiscais (taxas e impostos), 3 prezos públicos e a ordenanza de administración electrónica

Mércores, 02 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou o proxecto de ordenanzas para o 2017. Trátase da proposta do Goberno Municipal, baseada en dous piares, por un lado, favorecer á cidadanía con menos recursos, perseguindo unha fiscalidade xusta e progresiva; e por outro, garantir a estabilidade orzamentaria, tal e como a definiu o voceiro municipal, Miguel Fernández.

Neste proxecto, que debe elevarse ao Pleno para a súa aprobación, figuran modificacións en 23 ordenanzas, 19 fiscais (taxas e impostos), 3 prezos públicos e a ordenanza de administración electrónica. Ademais, “é un proxecto de ordenanzas actualizado, que naceu da busca de consenso deste Goberno co resto da Corporación Municipal. De aí que se inclúan proposta de todas e cada unha das formacións políticas que constituímos a corporación”, subliñou Fernández.

As 23 ordenanzas modificadas son as seguintes: Ordenanza Fiscal Xeral, taxa por expedición de documentos administrativos, pola prestación de servizos urbanísticos, pola prestación de servizos de prevención de incendios, ruínas, derrubes, salvamentos e outros análogos, pola prestación de servizos no cemiterio municipal, pola prestación do servizo da rede de sumidoiros, saneamento, e depuración de augas residuais; pola prestación do servizo de recollida domiciliaria de residuos sólidos urbanos, polo servizo municipal de subministración de auga potable a domicilio, pola prestación de servizos e utilización da galería de tiro, pola prestación do servizo de mercado, pola prestación do servizo de axuda no fogar por parte dos servizos sociais municipais, por dereitos de exames, pola intervención municipal nas comunicacións previas e declaracións responsables na apertura de establecementos e por aproveitamentos especiais da vía pública, así como imposto sobre vehículos de tracción mecánica, sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, sobre construcións, instalacións e obras; sobre bens inmobles e sobre actividades económicas; prezo público pola prestación de servizos nas instalacións deportivas e de recreo municipal, pola prestación de servizos nas instalacións culturais e pola prestación de servizos na Escola Municipal de Música. Ademais modifícase a Ordenanza Reguladora de Administración Electrónica.

Entre as modificacións que contempla este proxecto destaca, no que se relaciona ao imposto de construción, desaparece a bonificación do 50% que se aplicaba ás edificacións das naves no polígono das Gándaras e trasládase a obras gandeiras, agrícolas e forestais. En canto ao IBI, fíxase en 40.000 euros os ingresos da unidade familiar como límite para poder acceder á bonificación por familia numerosa. No que se refire ao aproveitamento especial de vía pública con terrazas, en categoría primeira, a bonificación pasa do 60 ao 65%, e para as grúas o 25 ao 30%, co fin de aproximala á media galega.
En relación ao cemiterio, engádese nas ordenanzas a taxa por columbarios no Xardín dos Arumes, fixándose o prezo da concesión para 5 anos en 140,95 euros. Tamén hai cambios no imposto de vehículos, para os de mais de 20 CF.
No que se refire a instalacións culturais, redúcese a taxa polo uso do auditorio, ofrecendo 2 alternativas, con infraestrutura, 500 euros, e sen infraestrutura, de 200. Así mesmo, rebáixase o prezo das entradas da rede de museos municipais. Pasa de 3 a 2 euros a entrada xeral, e a reducida, de 2 a 1, incluíndose ademais o Museo Interactivo da Historia de Lugo.
Os cambios inclúen ademais a reforma da facturación electrónica, non admitindo o Concello facturas en papel a partir do vindeiro 1 de xaneiro de 2017.

Rotonda do Centro Comercial As Termas
A sesión deste mércores aprobou definitivamente o proxecto de obras para a execución dunha rotonda no Centro Comercial As Termas, cun orzamento duns 46.000 euros e un prazo de execución de dous meses. Trátase dunha obra para modificar un dos accesos ao centro comercial, concretamente o do aparcadoiro inferior, dende a vía que comunica a Avenida Infanta Elena cos viais que conectan a avenida Paulo Fabio Máximo co acceso ao Parque de Bombeiros, posto que este acceso limita as posibilidades de manobra e xera aglomeración de coches. Deste xeito, con esta nova glorieta facilitarse a mobilidade.

Reclamacións e suxestións
Miguel Fernández adiantou que na Xunta de Goberno desta mañá deuse conta da listaxe de reclamacións e suxestións presentadas no Concello de Lugo dende o derradeiro informe, Neste período recibíronse 29 reclamacións e 5 suxestións. As reclamacións responden ás dependencias de Brigada de augas (2), Educación (2), Enxeñería, Augas, Servizos Sociais (4), Policía Urbana (3), Policía Local (2), Unidade de Notificacións (2), Gabinete de Tráfico, Xestión, Medio Ambiente (6), Parques e Xardíns (2), Persoal e Tarxeta Cidadá, e as suxestións a Enxeñaría, Gabinete de Tráfico, Transporte, Parques e Xardíns e Deportes. Das reclamacións, 13 están resoltas e 16 pendentes, e das suxestións, unha resolta e catro pendentes.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o proxecto de ordenanzas para o 2017 | Descargar mp3

Noticias relacionadas