Paula Alvarellos participa na gravación dun documental sobre a construción en madeira en Europa co Impulso Verde como exemplo

O audiovisual está promovido pola fundación holandesa Built by Nature, unha das entidades promotoras da rede Mass Madera á que pertence o Concello de Lugo.

Martes, 07 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos participa na gravación dun documental sobre a construción en madeira en Europa co Impulso Verde como exemplo

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participou este martes na gravación dun documental, posto en marcha pola fundación holandesa Built by Nature, unha das entidades promotoras da rede Mass Madera á que pertence o Concello de Lugo. A través do proxecto Evolving Forest, están a realizar unha serie de curtos audiovisuais sobre como impulsar a construción en madeira en Europa e, por este motivo, solicitaron coñecer as instalacións do Impulso Verde, co obxectivo de dalo a coñecer internacionalmente como exemplo de edificación sostible.

Neste senso, Alvarellos destacou o interese que xera este inmoble municipal “dentro e fóra das nosas fronteiras, pois dende a súa inauguración e xa na fase construtiva recibiu a visita de centos de profesionais e centros de ensino por ser un edificio pioneiro, o primeiro en España que recibe a certificación de proxecto FSC”.

A rexedora lembrou que o Concello de Lugo, xunto a Cuenca e Barcelona, foi unha das tres Administracións locais que impulsaron a creación de Mass Maderam, unha plataforma integrada por laboratorios, gabinetes de arquitectura, empresas forestais, de enxeñería e montaxe, industrias especializadas e tamén promotores, Star Ups e organizacións públicas que naceu coa vontade de tecer redes colaborativas que axuden a acelerar o uso da madeira como solución á redución de emisións asociadas co sector da edificación. Un aspecto no que a institución lucense é xa todo un referente a nivel nacional e internacional.

Multimedia

  • Paula Alvarellos participa na gravación dun documental sobre a construción en madeira en Europa co Impulso Verde como exemplo

Noticias relacionadas