Volven as visitas teatralizadas ao cemiterio municipal da man de Achádego Teatro

A concelleira de Participación, Cristina López, anunciou que a próxima cita será o domingo 17 a partir das 17:30.

As entradas poden solicitarse na Oficina Municipal de Turismo ou chamando ao Cemiterio Municipal.

Martes, 12 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Volven as visitas teatralizadas ao cemiterio municipal da man de Achádego Teatro

Cristina López, concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, anunciou a volta das visitas teatralizadas ao Cemiterio Municipal a cargo de Achádego Teatro, “unha actividade que goza en cada edición dunha gran participación por parte das veciñas e veciños, que deciden realizar unha visita diferente ao Cemiterio Municipal”, explicou Cristina López.

O vindeiro domingo, 17 de setembro, a partir das 17:30, Achádego Teatro dirixirá unha visita guiada ao Cemiterio na que as e os asistentes se poderán atopar cos músicos que descansan nesta instalación, realizando unha viaxe pola historia lucense.

As entradas poderán obterse de xeito gratuíto na Oficina Municipal de Turismo, nas oficinas do Cemiterio no edificio administrativo do Seminario ou chamando por teléfono ao Cemiterio (982 297 303). Cada persoa poderá retirar un máximo de 4 entradas.

O Goberno de Lugo celebra este ano o 75 aniversario desde a apertura do actual Cemiterio de San Froilán. Cristina López destacou a versatilidade do deseño de Eloi Maquieira para realizar actividades como as visitas nocturnas ou as distintas actividades culturais organizadas durante todo o ano, que fixeron que o cemiterio de Lugo fose incluído na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos e gañase o recoñecemento de National Geographic como un dos cemiterios máis bonitos do mundo.

Noticias relacionadas