A peonalización da Praza da Milagrosa, a partir do vindeiro luns

Procederase ao corte do tráfico rodado pola mesma. A parada de taxis trasladarse ao comezo da rúa Milagrosa e adaptaranse as frecuencias dos semáforos da Avenida da Coruña, Curros Enríquez e Valle Inclán para minimizar os efectos

Sufrirán modificacións os itinerarios das liñas 1 (Campus Universitario-A Piringalla) 5 (A Campiña- Abella, e 11E -os sábados tarde- (Calde-A Piringalla-Albeiros)

Esta é unha medida máis do Goberno para continuar humanizando a cidade, que conta cun orzamento de 171.600€ e un prazo de execución de 6 meses. Supón ademais continuar no camiño de colocar a Lugo na tendencia das cidades camiñables europeas

Venres, 02 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A peonalización da Praza da Milagrosa, a partir do vindeiro luns

O vindeiro luns, 5 de novembro, o Concello iniciará os traballos de peonalización da Praza da Milagrosa, polo que se procederá ao corte do tráfido rodado pola mesma. En ningún momento se impedirá o acceso aos inmobles, entradas dos garaxes legalmente sinalizadas; nin locais comerciais. A entrada e saída dos garaxes realizarase a través da rúa Curros Enríquez.

A parada de taxis trasladarase ao comezo da rúa Milagrosa, na súa confluencia coa rúa Mallorca.

As rúas Mallorca, Milagrosa (tramo comprendido entre a praza e a rúa Xulia Minguillón) e Yáñez Rebolo, non sufrirán cambios no seu ordenamento, quedando a circulación nos sentidos actuais.

A empresa encargada de executar as obras colocará cartelería nas rúas e cruces próximos á praza para advertir do corte aos condutores e condutoras. Tamén dispoñerá en todo momento dos operarios señalistas necesarios para garantir a seguridade da circulación e orientar a veciños e condutores dos cortes e desvíos.

Adaptaranse as frecuencias dos semáforos da Avenida da Coruña, Curros Enríquez e Valle Inclán á intensidade circulatoria de cada momento para minimizar os efectos no tráfico rodado.

Autobuses urbanos

Sufrirán modificacións os itinerarios das liñas 1 (Campus Universitario-A Piringalla) e 5 (A Campiña- Abella), afectadas pola peonalización da Praza da Milagrosa. Esta modificación levará a efecto o luns día 5 de novembro, data prevista para o corte do tráfico rodado na praza polo inicio das obras. Despois de valorar diversas opcións, o Concello deseñou un percorrido viable para a circulación dos distintos autobuses e ao mesmo tempo resultase próximo á praza da Milagrosa, coa intención de manter o servizo á veciñanza. A distancia percorrida en relación aos antigos itinerarios practicamente é invariable, fóra da liña 5 (A Campiña- Abella), que se amplía ao redor de 1.100 metros, pero en contrapartida, pasaría próxima e daría servizo aos veciños e veciñas da zona de Albeiros. Esta modificación dos percorridos leva consigo a elimación das paradas de rúa Mallorca e Praza da Milagrosa, procedendo á creación de dúas novas. Para a liña 5 sinalizarase unha en rúa Alfredo Vila, fronte á Praza Agro do Rolo e para a liña 1 crearase unha parada nas inmediacións da Praza Viana do Castelo, fronte a rúa Otero Besteiro.

Ademais as eos usuarios poderán utilizar todas as paradas pertencentes a outras liñas xa existentes neste novo percorrido. En menor medida tamén sufrirá modificación de itinerario a liña 11E (Calde-A Piringalla-Albeiros) os sábados tarde, domingos e festivos, pasando a realizar o mesmo percorrido que a liña 5.

Novo itinerario liña 1 (Campus Universitario-A Piringalla): Avda. da Coruña – Manuel María - para continuar por Santo Graal.

Novo itinerario liña 5 (A Campiña Abella): Avda. da Coruña – Monte Faro – rúa do Franco – Illas Canarias – Avda. Coruña – Reverendo Xosé Fernández Núñez – Alfredo Vila – Eloi Maquieira – Curros Enríquez - para continuar por Valle Inclán

Acompáñase esbozo cos novos percorridos e a localización das paradas existentes e as de nova creación.

As obras

A peonalización inclúe o tramo da rúa Milagrosa, entre a rúa Doutor Yáñez Rebolo e Curros Enríquez, dando continuidade á Praza da Milagrosa e á rúa Divina Pastora, cuxa peonalización permitiu xa no seu día dinamizar esta zona. Para elo, é precisa a reurbanización total do espazo, dado a disparidade de pavimentos existentes e a distintos niveis, calzada e beirarrúa, con diversas pendentes; para facelo continuo e permitir ademais a correcta evacuación das augas. Así mesmo, darase solución aos distintos elementos de mobiliario da praza, como o quiosco, xogos e bancos, coa finalidade de satisfacer as necesidades de funcionalidade dun espazo humanizado, dunha zona de reunión, de esparexemento e de lecer.

A Praza da Milagrosa pavimentarase cun material urbano ecolóxico fabricado con elementos de reciclaxe, unha premisa enmarcada dentro do compromiso que ten o Goberno cun desenvolvemento respectuoso co medio ambiente. Un dos obxectivos que o Concello baralla con este proxecto é manter o arboredo actual e os espazos de descanso, á sombra, de hoxe en día. Para elo, crearase unha zona axardinada no lado este, dotada de céspede e rego automático, conservando as árbores existentes e dispoñendo o mobiliario na súa contorna. Tamén se colocarán bancos de madeira e papeleiras. A zona de xogos retirarase da ubicación actual e esta zona pavimentarase a nivel co frente da igrexa, canalizando o tránsito peonil entre esta zona e a rúa Divina Pastora.

Manteranse os puntos de luz en fachada e substiturianse as farolas existentes por un modelo de maior eficiencia, con iluminación LED, dentro da política municipal de conseguir unha cidade enerxética sostible.

A zona de carga e descarga situarase no tramo da rúa Milagrosa, entre as interseccións con Doutor Yáñez Rebolo e rúa Mallorca, o que permite un acceso cómodo aos negocios; e a praza de aparcadoiro reservado a persoas con mobilidade reducida siturarase na rúa Doutor Yáñez Rebolo, próxima ao paso de peóns, o que garante un itinerario accesible ata a praza.

Esta é unha medida máis do Goberno de Lugo para continuar humanizando a cidade, que conta cun orzamento de 171.600 euros e un prazo de execución de 6 meses. Supón ademais continuar no camiño de colocar a Lugo na tendencia das cidades camiñables europeas.

Documento

Noticias relacionadas