O Goberno de Lara Méndez eleva o investimento do Servizo de Axuda no Fogar até os 4,3M para ofrecer un 20% máis de horas de atención

A Xunta de Goberno Local aprobará mañá esta medida que responde á elevada demanda e necesidade desta prestación, que se viu incrementada coa pandemia.

Lara Méndez: “No 2021 atendemos a un total de 948 persoas a través do SAF, unha prestación coa que se lle dá cobertura asistencia á poboación máis vulnerable”.

Do total, 431 usuarios accederon ao SAF pola convocatoria de libre concorrencia e 517 por ter recoñecida a situación de dependencia.

Martes, 08 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez eleva o investimento do Servizo de Axuda no Fogar até os 4,3M para ofrecer un 20% máis de horas de atención

O Goberno de Lara Méndez elevará o investimento destinado ao Servizo de Axuda no Fogar até os 4,3 millóns de euros, incrementado o número de horas de prestación do servizo nun 20%. Así o avanzou a alcaldesa, quen subliñou que “mañá aprobaremos esta medida na Xunta de Goberno Local, coa que buscamos dar resposta á elevada demanda deste servizo, incrementada dende o inicio da pandemia”.

Deste xeito, das 211.617 horas anuais do contrato actual, o Concello pasará a prestar 253.940 horas anuais, incrementandose na mesma proporción do 20% a consignación orzamentaria, pasando dos 3.644.495 euros/ano actuais a 4.373.394 euros/ano.

Olga López Racamonde, edil responsable da área de Benestar, dende a que se ofrece o servizo, explicou que “no 2021, atendemos a un total de 948 persoas a través da Axuda no Fogar; unha prestación coa que lle damos cobertura asistencial á poboación máis vulnerable e con maiores necesidades”. Deste total, 431 usuarios accederon ao SAF pola convocatoria de libre concorrencia e 517 por ter recoñecida a situación de dependencia.

O SAF ten por obxecto prestar atención ás persoas ou familias no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, para facilitar o seu desenvolvemento persoal e a permanencia no seu medio habitual, especialmente naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía ou noutras situacións de risco social para as cales resulte un recurso idóneo

Así, entre as súas funcións está o permitir a mellora a calidade de vida das persoas usuarias, favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio, manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social e previr situacións de dependencia ou exclusión social.

O horario de prestación do servizo ordinario é de luns a sábado en horario de 07:00 a 22:00 horas, sempre que sexan laborais; e en servizo extraordinario, de 22:00 a 07:00 horas de luns a sábado, os domingos e os festivos as 24 horas. A súa duración nunca é inferior a 30 minutos por xornada e préstase nun máximo de 3 franxas horarias, respectando, sempre que é posible, a vontade da persoa beneficiaria.

Noticias relacionadas